Familiares do 'Pitanxo' cuestionan que a armadora se presente como parte afectada: "Os prexudicados somos nós"

Reunión das familias dos mariñeiros falecidos co alcalde de Vigo, Abel Caballero, esta segunda feira. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
Lembran que só eles insisten en baixar ao barco na procura de novas probas, algo que non solicitaron nin a compañía, Nores, nin o patrón do barco, Juan Padín, o único dos sobreviventes que acode como investigado ao xuízo acusado de 21 posíbeis delitos de homicidio imprudente. O BNG, aliás, impulsa en Vigo unha moción para apoiar as familias.

Familiares dos 21 falecidos no naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, que naufragou o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros ao leste de Terranova (Canadá), aseguraron esta segunda feira que os prexudicados polo afundimento do barco son eles e non a empresa armadora.

Fixeron estas declaracións após reunirse pola mañá co alcalde de Vigo, Abel Caballero, logo de coñecerse que a compañía Nores pediu ao xuíz acudir na causa como parte prexudicada polo naufraxio. "Non o entendo", lamentou a portavoz das familias e filla dun dos mariñeiros falecidos, María José de Pazo, quen indicou que os prexudicados son os familiares das vítimas, que están "rotos" e que son os que realmente queren saber "a verdade".

Por iso, subliñou a necesidade de que se baixe ao pecio para obter datos do que puido ocorrer na madrugada do 15 de febreiro e reivindicou que as familias e o terceiro sobrevivente, Samuel Kwesi Koufie, sempre insistiron na necesidade de buscar o barco afundido, mentres que os outros dous sobreviventes —o patrón, Juan Padín, e o seu sobriño, Eduardo Rial— non o solicitaron, así como tampouco o fixo a empresa armadora. "Coas palabras cada un retráctase", sentenciou.

Moción do BNG en Vigo

De Pazo agradeceu Caballero a reunión e adiantou que o pleno do Concello de Vigo aprobará, previsibelmente esta cuarta feira, unha moción en apoio ás familias dos 21 mariñeiros falecidos, como xa fixeron hai un mes outros municipios galegos como Pontevedra. Nesta moción, que as familias propuxeron en abril e que non foi tramitada polo Concello, ínstase o Goberno a baixar ao barco.

Trátase dunha moción presentada polo BNG "ante a negativa de Caballero", sinalan a Nós Diario fontes da formación nacionalista en Vigo, a levar primeiro ao pleno de abril e logo ao de maio unha declaración institucional "co mesmo texto que presentaron as familias" e que pretendían que chegara a todos os concellos do país.

Agora, desde o Bloque acoden á vía da moción, polo que o texto deberá ser debatido e posteriormente votado, malia que, pola magnitude dos feitos, cren que o texto "cumpría aprobalo por unanimidade". Con todo, confían en que a moción, que tamén recolle "o texto íntegro" das e dos familiares dos mariñeiros, saia adiante.

A portavoz das familias puxo o foco nos indicios que apuntan ao capitán do barco, que podería ter cometido 21 delitos de homicidio por imprudencia, tal e como recolle a Audiencia Nacional no seu auto.

A investigación

Na pasada sexta feira saíu á luz que a Audiencia Nacional citou a Juan Padín a declarar o próximo 31 de maio en Madrid como investigado da causa do Pitanxo, mentres os outros dous sobreviventes declararán en calidade de testemuñas. A principios do mes pasado, o xuíz da Audiencia Ismael Moreno acordou remitir aos xulgados de Marín a investigación sobre o naufraxio, indicando no seu auto que vía indicios de "cando menos 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores".

Con todo, o xulgado de Marín rexeitou facerse cargo do caso, ao non verse competente, polo que agora a Audiencia comezou as dilixencias, aínda que previsibelmente será o Tribunal Supremo o que finalmente decida a quen lle corresponde a causa. Neste senso, a Audiencia Nacional puxo en "dúbida" a versión ofrecida polo patrón do pesqueiro, indicando que a velocidade do buque ás horas da traxedia "suscita dúbidas" sobre a declaración do capitán a respecto da parada dos motores por avaría como causa determinante da escora e posterior afundimento do barco.

Todo iso despois de que Padín, un dos tres sobreviventes, asegurase que contra as 4 horas da madrugada parou o motor do barco, o que dadas as condicións meteorolóxicas existentes nese momento determinou a sucesiva entrada de auga pola aleta de babor, ocasionando unha cada vez maior escora.

Vista a situación, segundo o declarante, deu á tripulación o sinal de abandono do buque previa colocación do traxe de supervivencia e chaleco salvavidas. "Xa con todo colocado dispómonos ao arriado da balsa de babor", engade o capitán, que deixa encargado o primeiro oficial, por canto el se dirixe a arriar a balsa de estribor e embarca a tripulación. Eduardo Rial, sobriño do patrón e outro dos sobreviventes, ofreceu unha declaración semellante á do seu tío.

Samuel Kwesi, o terceiro sobrevivente á traxedia, explicou nun primeiro momento que ao parar o motor o barco quedou á mercé das ondas, o que, unido ao peso do aparello, fixo que entrase moita auga e escorase cara a babor. Entón ouviu o capitán ordenar que subisen á ponte, o que fixo sen o traxe de supervivencia ao non darlle tempo.

Mais nunha posterior declaración deu unha versión "absolutamente distinta" dos feitos: afirmou que o motor non parou, senón que as 'maquiniñas' que recollen o aparello deixaron de funcionar ben, tensando pero non recollendo e provocando a escora.

Por iso, berraron ao capitán que soltase os aparellos, pero este negouse. Despois, co buque moi ladeado, parou o motor e incrementouse a escora de babor. Samuel subliñou que en ningún momento o capitán deu orde de pór os traxes de supervivencia, malia que el e o seu sobriño si os levaban, o que lle sorprendeu.