Emotiva homenaxe en Pontevedra aos 21 falecidos no naufraxio do 'Pitanxo': "Sempre con nós, aínda que sen vós"

O Concello de Pontevedra colocou unha placa que lembra os 21 falecidos no naufraxio do 'Pitanxo'. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Os asistentes, entre bágoas, realizaron unha ofrenda floral debaixo da placa cos nomes das vítimas que vén de colocar o Concello no porto das Corvaceiras.

Familiares de falecidos no pesqueiro galego Vila de Pitanxo, que afundiu a 250 millas de Terranova (Canadá), lembraron este sábado os seus seres queridos nun acto decorrido en Pontevedra cando fai un ano a traxedia, ocorrida o 15 de febreiro de 2022. No porto das Corvaceiras da cidade, decenas de persoas reuníronse para homenaxear as 21 vítimas que perderon a vida na madrugada daquela fatídica terza feira, cando o buque naufragou.

Familiares, amigos e representantes políticos como a subdelegada do Goberno español en Pontevedra, Maica Larriba; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ou outros concelleiros do municipio non quixeron perder esta ofrenda. Foi sobre as 12 horas cando deu comezo o acto, amenizado cun dúo de violoncelos. A partir de aí, tomou a palabra o rexedor, que agradeceu ao Gremio de Mareantes e a Portos da Galiza que permitisen a instalación dunha placa naquel lugar en lembranza dos falecidos.

Fernández Lores acompañou na "dor" as familias e mostrou a súa admiración pola loita que realizaron no último ano para poder dar un último adeus aos seus seres queridos. Tras el, a portavoz das familias, María José de Pazo, quixo agradecer tamén ao Concello todas as facilidades postas para a instalación desta placa, que recolle o nome dos 21 falecidos, do mesmo modo que a instalada en Marín esta sexta feira e que as que se pendurarán noutras cidades nas que residían mariñeiros do Pitanxo.

No acto tamén falou Janet, a filla de Edemon Okutu, e Marisa, a viúva de Rogelio Franco Damazo, quen recoñeceron pasar un ano "moi duro", mais agradeceron tamén o apoio da sociedade. Posteriormente, os asistentes, entre bágoas, realizaron unha ofrenda floral debaixo da placa, que reza 'Sempre con nós, aínda que sen vós'.

Un ano da traxedia

O pesqueiro naufragou en augas do  Atlántico Norte o 15 de febreiro de 2022, perdendo a vida 21 dos 24 mariñeiros que nel traballaban. A partir desa traxedia, as familias das vítimas loitaron para tratar de coñecer que ocorreu realmente aquela madrugada, xa que o relato dos tres sobreviventes non coincide e mesmo chega a contradicirse nalgúns aspectos.

Mentres o mariñeiro Samuel Kwesi sostén que o aparello do barco embarrara no fondo do mar, o que provocou que comezase a entrar auga e parase o motor do buque, o capitán do Pitanxo e o seu sobriño, Juan Padín e Eduardo Rial, os outros dous sobreviventes, aseguran que o motor parou repentinamente, o que fixo que a auga comezase a entrar.

A causa está a ser investigada polo xuíz Ismael Moreno, da Audiencia Nacional, que prohibiu saír do Estado español a Padín ao apreciar 21posíbeis delitos de homicidio por imprudencia. Entre tanto, ao longo dos últimos 12 meses os familiares levaron a cabo unha serie de accións para que o Goberno estatal aceptase enviar un robot ao pecio e así obter algunhas respostas do que puido suceder.

Hai unhas semanas, as súas peticións á fin foron escoitadas e o Executivo comezou a licitación para levar a cabo a procura do barco afundido e unha reportaxe en vídeo polos exteriores do mesmo para achar probas. Este anuncio prodúcese logo de que a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) recoñecese que sería útil para a investigación.