Familiares de maiores denunciarán residencias privadas por "carretaxe"

Persoal da residencia de Verín, con maiores, no colexio electoral (Imaxe: Xosé Lois Colmenero)
Mesmo en pandemia as eleccións galegas volven deixar acusacións por carretaxe a colexios electorais de persoas maiores. As catro residencias sinaladas polo transporte de anciáns da man de monxas e persoal do centro pertencen á mesma congregación relixiosa: Las Hermanitas de los Ancianos Desamparados.

Varias residencias de maiores  convertéronse en foco de críticas e denuncias por novos episodios de "carretaxe" durante a xornada electoral do domingo. As redes impregnáronse desde a mañá do 12-X de fotografías e vídeos que amosaban o transporte de anciáns residentes a colexios electorais en coches e da man de monxas e persoal de centros privados.

As acusacións apuntan a catro residencias, todas elas pertencentes á mesma congregación relixiosa, Las Hermanitas de los Ancianos Desamparados, a terceira entidade en número de centros de maiores na Galiza, despois da corporación DomusVi e da fundación relixiosa San Rosendo. 

Nos centros que esta entidade ten en Verín, Viveiro, Ourense e Pontedeume é de onde proceden as fotos e vídeos que denuncian a carretaxe. Porén, no pasado xa houbo denuncias que mesmo chegaron a xuízo en centros de Las Hermanitas de los Ancianos Desamparados, como foi o caso rexistrado en Lugo no ano 2012. O nome da congregación viuse ademais empañado hai ben pouco tempo pola crise do coronavirus, sendo a súa residencia na Coruña (chamada Santa Teresa de Jornet) un dos puntos máis dramáticos da pandemia. 

Oficialmente neste centro houbo 7 maiores falecidos por coronavirus, aínda que serían 15 segundo a federación galega de usuarios de familias da dependencia e residencias Rede. A entidade sinala 15 e non 7 xa que a Consellaría de Política Social só recolle aquelas usuarias que morreron dentro das instalacións da residencia, contando á parte as que faleceron no hospital, logo de seren trasladadas alí desde a residencia. Este centro é "un dos máis problemáticos á hora de ofrecer cifras certas de falecementos, pero calculamos que estarán en 15", di Paulino Campos, presidente de Rede, a Nós Diario. 

Campos adiantou a este medio que desde Rede denunciarán os casos de carretaxe nesas catro residencias de Las Hermanitas e sinala ademais que están traballando para demandar a entidade polo trato que dan ás persoas maiores. "Temos a certeza de que en varias das residencias de las Hermanitas se dan situacións abusivas coas persoas maiores, sobre todo na da Coruña", resalta Campos. O presidente de Rede asegura que varios familiares testemuñan que os maiores residentes son postos a realizar actividades non remuneradas como traballos de portaría, xardinaría, condución de furgonetas... "cun horario similar a unha xornada laboral, polo que as monxas aforran contratacións", critica Campos.

O BNG leva a residencia á Xunta Electoral en Ourense

O Bloque Nacionalista Galego denunciou o domingo a carretaxe de maiores na residencia San Xosé da parroquia de Rairo, Ourense. A formación nacionalista sinalou que varias das maiores transportadas se atopan coas capacidades físicas "minguadas" e que, ademais, no centro permanecen prohibidas as visitas por mor do coronavirus. Entre as acompañantes das residentes ao colexio electoral atopábanse monxas e persoal do centro, así como outras persoas que non eran familiares das mesmas, denunciou o Bloque.

Desde Rede tachan de incompresíbel que esta residencia, tal e como denuncia o BNG, siga sen permitir visitas de familiares pero si leven a un colexio as e os maiores. A incomprensión das familias plasmouna Celtia, unha moza ourensá que ao ver o vídeo-denuncia do BNG soubo que a súa avoa era levada a votar. "A miña avoa é unha delas. Isto é unha vergoña e imos denunciar. Enterámonos de que sacaron a nosa familiar (levando máis de tres meses sen vela por protocolo) grazas a este vídeo", escribiu Celtia na rede. 

Saír da residencia co voto

No Fogar de Santa María, nome do centro de Las Hermanitas en Verín, viuse durante a mañá do 12-X monxas e persoal empurrando cadeiras de rodas con persoas maiores, co voto na man desde a residencia, para levalas até o colexio electoral. 
Non son estraños neste centro os desprazamento de maiores cando hai comicios, só que neste caso, o colexio estaba máis afastado do centro que outras veces, polo que o percorrido foi "máis vistoso". 

Un vídeo en Twitter denuncia tamén carretaxe en Viveiro, na comarca da Mariña, afectada polo rebrote do virus. As maiores procedían da residencia Betania, de Las Hermanitas. 

Ademais, veciñanza de Pontedeume enviou o domingo pola mañá un vídeo a Nós Diario denunciando a carretaxe de persoas maiores procedentes da residencia que Las Hermanitas teñen neste concello. 

O PP xa carretou nas Hermanitas e foi a xuízo

Non é a primeira vez que unha residencia de Las Hermanitas de los Ancianos Desamparados resulta inmiscuída nun caso de carretaxe de maiores para votar. José Luis Iravedra, antigo tesoureiro do PP e ex dirixente do partido en Lugo,  así como tres afiliados da formación de Núñez Feixoo, resultaron imputados por carrexar anciáns con demencia nas eleccións galegas de outubro de 2012 desde a residencia das Hermanitas de Lugo.

A Audiencia Provincial acordou que si houbo carretaxe por parte dos acusados, mais considerou que non encaixaba nos delitos tipificados na lei electoral, polo que ditou o arquivo da causa contra eses militantes do Partido Popular.

"O reproche ético e social que merecen feitos" como eses non son "constitutivos de ningunha das infraccións penais ás que se referiron" a acusación e a maxistrada que enviou o caso a xuízo, considerou a Audiencia Provincial anos despois, en abril de 2017.