Familiares dos 21 mariñeiros falecidos no naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, afundido o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros ao leste de Terranova (Canadá), avanzaron esta cuarta feira que presentarán ante a Audiencia Nacional e máis o Xulgado de Marín un escrito para solicitar medidas cautelares para que o patrón do buque, Juan Padín, non volva faenar.
Tal e como indicou aos medios de comunicación a portavoz das familias e filla dun dos falecidos, María José de Pazo, ante os "persistentes rumores" de que Padín volverá embarcarse cedo nun barco da mesma empresa, decidiron presentar este documento por "temor" a que se repita a desgraza do Pitanxo.
"Os feitos son recollidos no auto da Audiencia Nacional como indicios claros de 21 delitos de homicidios imprudente, ademais de delitos graves contra a saúde dos traballadores", reivindicou De Pazo.
Para ela, son delitos "graves" que están a ser investigados, polo que o seu "maior temor" é que volve ocorrer, cando aínda existen tantos temas "sen resolver".
Todo iso despois de que o pasado mes de abril se coñecese que a Audiencia ve indicios que permitirían imputar "cando menos 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores", após analizar as versións ofrecidas polos tres sobreviventes: o patrón, Juan Padín; o seu sobriño, Eduardo Rial, e un mariñeiro, Samuel Kwesi.
Este último ofreceu unha declaración diferente á dos anteriores, indicando que as máquinas que recollen o aparello deixaron de funcionar ben a tráxica noite, polo que instaron en reiteradas ocasións o capitán a soltar os aparellos, mais este, segundo Kwesi, "negouse".
Despois, co buque moi ladeado, parou o motor e incrementouse a escora de babor. O mariñeiro subliñou que en ningún momento o capitán deu orde de pór os traxes de supervivencia aínda que el e o seu sobriño si os levaban, o que lle "sorprendeu". O naufraxio custou a vida de 21 dos 24 mariñeiros que faenaban no Pitanxo.