A familia da moza embarazada falecida asegura que non tiña patoloxías previas

Imaxe dun dos accesos ao CHUAC, onde faleceu a muller de 37 anos. (Nós Diario)

Lamentan que fose incinerada sen autopsia para aclarar as circunstancias da morte, que oficialmente atribúen a COVID-19.

A familia da moza de Carballo de 37 anos de idade embarazada falecida este domingo no hospital, canda o seu bebé, após practicárselle unha cesárea de emerxencia asegura que non tiña patoloxías crónicas previas, como se indica no informe sanitario, e lamentou que non se lle fixese a autopsia antes de incinerar o corpo.

Así o manifestaron a Europa Press fontes da familia da falecida, que destacaron que "tivo un embarazo estupendo", polo que aseguran que "non saben moi ben o que pasou".

As mesmas fontes relataron que a muller falecida, de nome Estefanía, tiña un pouco de febre, despois de facerse unha ecografía tres días antes e constatar que todo seguía "ben". O seu marido decidiu levala ao Hospital Materno Infantil na Coruña por se "a nena Julia quería saír antes".

Con todo, o marido regresou ao domicilio debido a que, polo protocolo do COVID-19, non pode haber acompañantes no hospital, e a moza quedou no centro porque "lle ían a facer unhas probas".

Posteriormente, avisaron ao marido de que a situación se complicou, que "a nena naceu morta e ela morreu en quirófano", matizaron as mesmas fontes, que indicaron que aínda que lograron reanimala despois dunha primeira RCP finalmente confirmaron o seu falecemento, que atribuíron oficialmente no informe do Sergas "ao COVID-19", puntualizaron por parte da familia.

As mesmas fontes manifestaron que foi todo "un cúmulo de circunstancias" e sucedeu "moi rápido", polo que, despois do ocorrido, non puideron solicitar a autopsia porque o corpo fora incinerado seguindo o protocolo sanitario.

A familia, tres membros como está permitido polo estado de alarma, despedirán á falecida no cemiterio, onde descansarán as súas cinzas, confirmaron as mesmas fontes.