Coronavirus: Falece na Coruña unha embarazada de 37 anos e o seu bebé

Chuac

O balance de vítimas mortais pola pandemia en Galiza elévase a 69.

Unha muller embarazada de 37 anos de idade e infectada por coronavirus faleceu este domingo no Hospital Materno Infantil da Coruña, onde era sometida a unha cesárea de urxencia, na cal se lle extraeu á criatura, que naceu morta, segundo confirmaron a Europa Press fontes sanitarias coñecedoras do caso.

A muller, que tiña unha patoloxía crónica previa, segundo figura no último balance do Servizo Galego de Saúde (Sergas), sentiuse mal este sábado pola noite, ao presentar febre.

Cando ingresou este domingo pola mañá con contraccións foi sometida á proba para determinar se estaba infectada con COVID-19, dado o seu estado febril e a que ía ser conducida a quirófano para practicarlle unha cesárea, un test que deu positivo.

Segundo as fontes sanitarias consultadas por Europa Press, durante a intervención en quirófano no Hospital Teresa Herrera, o centro materno-infantil do Complexo Hospitalario da Coruña (Chuac), rexistráronse complicacións e a muller faleceu, mentres que o seu bebé naceu morto.

Ademais, segundo o último balance do Sergas, nas últimas horas tamén faleceron unha muller e un home de 85 e 84 anos, ambos ingresados no Hospital Lucus Augusti de Lugo, e unha muller de 71 anos atendida no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (Chuf). Todos eles tiñan varias patoloxías previas.

Desta forma, as vítimas da pandemia de coronavirus en Galiza elévanse a 69, despois de que durante a xornada deste domingo falecesen tamén dúas mulleres e tres homes, todos eles con patoloxías previas.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus na Galiza ascende a 2.925, un 11,3% máis que onte. Deles 639 correspóndense coa área da Coruña, 244 coa de Lugo, 415 coa de Ourense, 324 coa de Pontevedra, 681 coa área de Vigo, 480 coa de Santiago, e 142 coa de Ferrol.