Unha familia aprópiase en Combarro dun inmóbel histórico do erario público

A coñecida como 'Casa Barroca de Combarro' en Poio (comarca de Pontevedra), cuxa titularidade está en disputa. (Foto: José Alberto)
A Casa Barroca estaba destinada a ser o 'Museo de Artes e Costumes'.

En Combarro (Poio, comarca de Pontevedra), "estamos a vivir un exemplo máis do desleixo da Xunta da Galiza a respecto do seu patrimonio cultural". Así o afirma a Nós Diario o arqueólogo Felipe-Senén López Gómez, presidente de Amigos dos Museos da Galiza e asinante da denuncia que alerta da "apropiación indebida" dunha das casas máis emblemáticas desta vila mariñeira declarada Ben de Interese Cultural en 1972.

A coñecida como "Casa Barroca de Combarro" é un inmóbel que, entre os anos 1972 e 1973, foi sometido a un "proceso de expropiación forzosa por razóns de utilidade pública" para convertela en Museo estatal de Artes e Costumes populares, unha idea que nunca chegaría a materializarse. Por ela, o Ministerio de Educación e Ciencia pagou á súa antiga propietaria, Florinda Salgueiro Romero, natural de Combarro e residente en Montevideo, Uruguai, a cantidade total de 150.000 pesetas. 

Detrás desta apropiación forzosa estaría o proxecto do arqueólogo Manuel Chamoso Lamas e do historiador Xosé Filgueira Valverde de converter o inmóbel nun museo, "unha idea difícil para a época da ditadura", afirma Felipe-Senén. Tanto Chamoso como Filgueira implicáronse en comprar, pouco a pouco, as casas máis emblemáticas de Combarro, buscando garantir a súa conservación.

En 1978, é a Delegación provincial de Cultura de Pontevedra a que se fai cargo da vivenda, converténdoa nun dos inmóbeis do Centro Social do Ministerio de Cultura en Combarro. Esta Administración exerceu a tutela e titularidade da mesma até xullo de 1982. Foi nese momento, no marco da chamada 'transición democrática', cando se produciron as transferencias de competencias do Estado español en materia de cultura á Galiza.

Apropiación "permitida" 

Case 40 anos despois, en xaneiro de 2021, a "Casa Barroca de Combarro" é "privatizada", cando a Xerencia Territorial do Catastro de Pontevedra inscribe o inmóbel a favor de P-E. P. F., quen o recibiu da súa nai, D. F. R., que, á súa vez, se declarara en 2020 herdeira desta casa, unha herdanza sobre a que existen dúbidas fundamentadas de que non é tal. En todo caso, unha herdanza que merece ser investigada".

Así figura na denuncia presentada o pasado 1 de setembro pola Asociación A Solaina de Combarro e por Amigos dos Museos da Galiza ante a Fiscalía Provincial de Pontevedra, buscando que "se clarifique a propiedade". "Cremos que foi unha apropiación permitida polas Administracións, que neste caso son Facenda e o Rexistro", denuncia Felipe-Senén a Nós Diario. "Tanto A Solaina como Amigos dos Museos da Galiza buscan memoria, e están a facer o que as Administracións non fan a pesar de ter a responsabilidade", di. 

"As Concellarías de Cultura están aí para algo, ao igual que outras institucións como o Consello da Cultura Galega ou as Academias, como órganos consultivos das Administracións, deben ter un papel neste tipo de situacións. Cando estas eluden os seus deberes, entra en escena o poder popular, as asociacións, que indagan e buscan os documentos que demostran que esa privatización foi indebida", sentencia o arqueólogo.


"Os poderes públicos deben conservar o patrimonio"

"O artigo 46 da Constitución española di que os poderes públicos garantirán e promoverán o enriquecemento do patrimonio dos pobos. O poder público que ten esta responsabilidade inmediata son, indubidabelmente, os Concellos", afirma a Nós Diario o presidente de Amigos dos Museos da Galiza, Felipe-Senén López. "Tendo en conta isto, en Combarro, estase a incumprir a Constitución", engade.