O BNG de Vigo reclama ao Concello "transparencia" na xestión dos restos patrimoniais de Elduayen

Xacemento arqueolóxico da rúa Elduayen. (Foto: Nós Diario)
Xabier P. Igrexas pediu ao Goberno local que deixe de actuar con "opacide" e priorice o estudo do xacemento.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo anunciou que vén de facer un requerimento formal dos informes técnicos sobre a cestión dos restos patrimoniais atopados na rúa Elduayen durante as obras de construción do túnel da Porta do Sol.

A medidados do mes de xaneiro, os operarios que traballan na construción deste túnel descubriron un xacemento arqueolóxico correspondente ao antigo rueiro da cidade. Os equipos de arqueoloxía da Xunta e do Concello levaron a cabo diferentes estudos para coñecer a natureza exacta dos restos.

O Concello de Vigo, a través da Oficina de Supervisión de Proxectos, solicitou á Xunta o soterramento do xacemento para poder proseguir coa construción do túnel. Finalmente, o departamento de Patrimonio Cultural do Goberno galego autorizou esta actuación, e os restos de Elduayen foron cubertos con lonas e terra.

 A este respecto, o BNG de Vigo solicitou explicacións ao Goberno local sobre o soterramento dos restos patrimoniais, ademais de preguntar polos informes técnicos na Xerencia Municipal de Urbanismo.

Intención do Goberno local

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, lamentou que o Goberno local non aportara "ningunha información" sobre as intencións de futuro cos restos da rúa Elduayen, e esgrimiu a "opacidade" como o motivo para levar a cabo a solicitude formal dos informes técnicos, "no caso de que existan".

Para Igrexas, o Concello non debe priorizar as obras do túnel da Porta do Sol por diante dun estudo rigoroso do xacemento. “As obras non poden limitar a xestión destes xacementos, que deben atender a criterios técnicos e asegurar o cumprimento estrito da normativa de protección patrimonial”, engadiu.

O edil nacionalista pediu "non hipotecar a xestión patrimonial" de Vigo polos traballos no túnel, e cualificou o estudo dos restos de Elduayen como unha "oportunidade de pór en valor a nosa memoria colectiva".

Neste sentido, o concelleiro do BNG insiste en que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, debe ofrecer algo máis que "explicacións xenéricas", xa que s vigueses e viguesas teñen dereito a saber cal é o valor patrimonial que se estima e cales son as intencións do Goberno local”.