Falta de terras e altos alugueiros, freos para a gandaría espallada na Galiza

A cooperativa A Carqueixa mantén a transhumancia entre os Ancares galegos e bercianos (Imaxe: A Carqueixa).
No territorio galego desenvolvéronse proxectos que apostan polos usos multifuncionais do monte e a gandaría en extensivo. Porén, en moitos casos a dificultade para acceder ás terras ou os altos prezos dos alugamentos dificultan o asentamento destas iniciativas. "Non pode ser que as persoas que poñen en marcha novas experiencias no rural sexan heroes", lamenta Joan Alibés, de La Cabreta.

Monte Cabalar é unha cooperativa que agrupa aproximadamente 3.600 propiedades de máis de 1.000 propietarios   e propietarias nunha explotación gandeira en extensivo nas parroquias de Somoza, Tabeirós, Nigoi, Arca e Souto, no concello de A Estrada. A área sobre a que se estende foi progresivamente abandonada a partir da década dos 60, que tivo como consecuencia o baleirado de aldeas e mais o inicio dun ciclo de incendios e deterioro do terreo.

En 2006, iniciouse un proceso no que se constituíu a cooperativa, co obxectivo de intervir sobre o abandono, o minifundio do territorio e previr os lumes forestais. Optouse por un modelo silvopastoral, cunha gandaría en extensivo de vacas, eguas e porcos.

O da Estrada non é o único exemplo de cooperativa na que se optou pola gandaría en extensivo, unha modalidade que contribúe de maneira activa á loita contra o lume. É o caso da Carqueixa, radicada nos Ancares, que suma na actualidade 200 gandeiros e gandeiras logo de 26 anos de traxectoria. "Comezamos coa idea de que a xente puidese vender sen intermediarios e mais mercar subministros máis baratos", explica o seu xerente, Román Sánchez a este medio.

Os pastos son cortalumes naturais e neles aterran os helicópteros, apunta Román Sánchez

A media de cabezas de gando é de 25 por explotación e aínda hai gandeiras e gandeiros que nos meses de verán trasladan ás vacas aos Ancares bercianos, nos que alugan terreos de pasto á veciñanza. A cooperativa colabora en diferentes proxectos de investigación. "Sempre coa perspectiva de pór en valor o beneficio ecosistémico que achegan os gandeiros. Ao cabo, os pastos son cortalumes naturais e neles aterran moitas veces os helicópteros dos dispositivos contra incendios", exemplifica Román Sánchez. 

Dificultades e atrancos

Joan Alibés e Ermitas Rodríguez trasladáronse a Meira en 2007  desde Catalunya. "Alugamos 25 hectáreas de terreo ao Banco de Terras que levaban vinte anos abandonadas. Comezamos con cabras para acondicionalos e logo optamos polas ovellas", conta a Nós Diario, matizando que optaron polo pastoreo "porque somos persoas do século XXI que queremos poder facer outras cousas ademais de traballar co gando".

Alibés é presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes e, xunto con Ermitas, formou o servizo de asesoría Beealia especializada en gandaría. Coñece ben as problemáticas do sector, porque as sufriu e sofre na súa propia pel. "Na Galiza hai potencialidade para o gando en extensivo, mais cómpre unha estruturación", di.

Na Galiza hai potencialidade para o gando en extensivo, mais cómpre unha estruturación, di Alibés

Este enxeñeiro agrónomo explica que un dos principais problemas é o acceso á terra. "As posibilidades son contadas e difíciles de atopar, sobre todo para esas persoas que queren botar a andar unha explotación e que proveñen dunha contorna urbana", expón. "Ademais, temos a competencia do eucalipto e do piñeiro, polo que os alugueiros son altos e o monte é pouco apto para o gando, a ver quen pastorea cando xa están plantados", agrega Alibés.

En relación aos prezos, pon como exemplo Francia, onde están regulados a un máximo de 150 euros por hectárea. "Aquí poden chegar aos 500 euros no caso das explotacións lácteas e a min a Xunta quere aumentarme o alugamento a 220 euros", salienta, matizando que con eses prezos o seu proxecto vira "inviábel". Este gandeiro bota en falta o apoio das Administracións públicas. "Como di a profesora Mar Pérez Fra, non pode ser que as persoas que poñen en marcha novas experiencias no rural sexan heroes", advirte.