“Falta de seguridade" e "erros de coordinación" nos incendios no Invernadoiro

Imaxe: @BRIFLAZA

Denúnciao o Comité de greve dos axentes forestais e ambientais. Na extinción do lume, que leva arrasadas case 100 hectáreas, resultaron feridos dous bombeiros.

O Comité de greve dos axentes forestais e ambientais –integrado por CIG e UGT- denuncia nun comunicado a "falta de seguridade" e "erros de coordinación" nas tarefas de extinción dos dous incendios declarados no parque natural do Invernadoiro.

 

Afirman que cando se produciu o incendio non había no parque ningún axente forestal ou ambiental, tan só un capataz de establecemento, un capataz de brigada e un peón. Os traballadores, explica a CIG, chamaron ao 085 para avisar do lume, "pero contéstanlles que xa están sobre aviso e que o incendio é en Chandrexa de Queixa". Entón estes empregados avisan ao axente destinado no parque, que estaba en día de descanso, quen posteriormente notifica que o lume está dentro do Invernadoiro.

 

O Comité asegura que "por falta de cobertura e porque as emisoras da Consellería de Medio Ambiente non están configuradas co sistema Tetra do distrito unha operación que leva segundos demorouse case media hora".

 

Ademais, a central alerta de que no parque "non existe un protocolo de actuación de incendios mediante o que se coordinen as Consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente", "o que supón un perigo engadido para os traballadores que participan na extinción".