A falta de regulación da obxección de conciencia lastra a cobertura do aborto na pública

O pano verde é un símbolo da loita polo dereito ao aborto. (Foto: Carolina Jaramillo).
A maioría dos abortos practicados na Galiza en 2021 realizáronse a petición da muller, en centros extrahospitalarios e privados. As interrupcións voluntarias do embarazo na sanidade pública superan por pouco 20% e non se aplican por igual nin en todas as áreas sanitarias nin en todos os hospitais por mor da obxección.

Calquera muller maior de 18 anos pode interromper un embarazo de forma voluntaria durante as primeiras 14 semanas de xestación. Así o recolle a coñecida como lei do aborto, a Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo (IVE) aprobada no ano 2010, unha norma de prazos que veu substituír a anterior, de 1985, para que xa se aprobou no Congreso un proxecto de reforma pendente de referendar polo Senado.

O que busca esta nova revisión é situar a sanidade pública como referencia para a interrupción voluntaria do embarazo, mediante mecanismos que garantan que as mulleres que decidan abortar libremente, poidan facelo nun centro público, perto do seu domicilio, sen necesidade de seren derivadas á privada.

Isto é o máis habitual. A maioría dos abortos realízanse en centros extrahospitalarios, nomeadamente en clínicas privadas concertadas co sistema público de saúde, en moitas ocasión lonxe da súa localidade, porque aínda que a lei fixa un acceso igual a esta prestación para todas as mulleres, con independencia do lugar onde residan, a realidade reflicte unha cobertura dispar no conxunto do Estado e tamén na Galiza.

Abortos extrahospitalarios e na privada

Segundo o Rexistro Estatal de Interrupcións Voluntarias do Embarazo, en 2021, na Galiza, realizáronse 2.284 abortos, dos cales só 22% se efectuaron en centros do sistema público, 3% en hospitais e 19% noutros puntos especializados -extrahospitalarios- da rede pública.

Os datos publicados polo Ministerio de Sanidade reflicten que 95% das interrupcións voluntarias do embarazo tiveron lugar en centros extrahospitalarios e 78% en clínicas privadas acreditadas para a interrupción voluntaria do embarazo (1.735) e hospitais tamén privados (45).

De acordo coa relación de centros que en 2021 notificaron IVE, desde a Galiza comunicaron abortos catro hospitais públicos: o da Barbanza, na área sanitaria de Santiago e O Barbanza; o de Montecelo, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, e os de Verín e Valdeorras, na área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras. Catro dos 13 Centros de Orientación Familiar dependentes do Sergas: o de Lugo, Carballiño, Ribadavia e o de Ourense. E tres clínicas privadas, dúas da Coruña e outra de Vigo. 

De acordo co informe de Sanidade, 96,6% dos abortos practicados na Galiza en 2021 realizáronse 'a petición da muller' e non por motivos médicos (abortos terapéuticos). Só 72 atenderon a algún destes supostos: 'grave risco para a vida ou a saúde da embarazada' (44), 'risco de graves anomalías no feto' (30) e 'anomalías fetais incompatíbeis coa vida ou a enfermidade extremadamente grave ou incurábel' (2). Neste sentido, a maioría das IVE efectuadas (73,4%) producíronse con oito ou menos semanas de xestación e 2,8%, con máis de 14 semanas, 66 en total, só unha con 23 semanas ou máis.

Segundo explica a Nós Diario a doutora en medicina e feminista Lola Ferreiro Díaz, a maioría das mulleres que deciden abortar nas primeiras semanas acoden aos Centros de Orientación Familiar ben directamente ben desde a Atención Primaria.

O aborto farmacolóxico (mediante pílulas), que o Sergas asumiu en 2017, é a primeira opción nestes casos. Na Galiza notificáronse 893 en 2021, o que significa que a maioría das IVE (60%) requiriron un procedemento cirúrxico, en quirófano, con anestesia e intervención médica.

Obxección de conciencia 

Con todo, non é fácil concretar o periplo dunha muller desde que decide abortar até que logra interromper o seu embarazo. A garantía deste dereito recoñecido por lei non é igual en todos os territorios nin en todas as áreas sanitarias da Galiza, e un dos principais obstáculos é a falta de regulación da obxección de conciencia que a reforma da lei do aborto busca atallar.

"De momento os hospitais públicos non están obrigados a realizar abortos, o que deixa en mans do persoal que se fagan ou non", explica a este xornal Javier Castrillo, xefe de xinecoloxía do Hospital de Verín. "Aquí asumímolos sen problemas, tamén os que superan as 14 semanas, que antes derivabamos a unha clínica especializada de Vigo".

A obxección de anestesistas, xinecólogos ou enfermeiras é a que marca a diferenza entre a cobertura do aborto que se ofrece nuns hospitais e outros, remarca. E malia que adoita haber un pequeno equipo en cada hospital disposto a asumir abortos, di, "son moitos os que non queren participar"

"Co tema da obxección hai un relaxamento importante. Non hai ningún control e se alguén obxecta xa non se realizan abortos. Cobren o tema derivándoos e financiándoos na privada", advirte Lola Ferreiro, quen fala de "misoxinia institucional" e asegura, a partir da súa experiencia, que só o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo realiza abortos "con normalidade" antes e despois das 14 semana de xestación. 

Nós Diario preguntou ao Sergas a respecto desta cuestión, sen resposta á publicación desta información.

As chaves da reforma da lei do aborto

A reforma da lei de interrupción voluntaria do embarazo de 2010 busca corrixir as eivas de cobertura deste dereito reprodutivo e situar a sanidade pública no centro da aplicación do aborto. Neste sentido, crea o rexistro de obxectores para asegurar que cada centro público conte sempre con persoal suficiente para atender as mulleres que soliciten unha interrupción e impide a súa participación nos comités de decisión sobre os abortos a partir das 22 semanas de xestación.

Ademais, elimina o período de reflexión de tres días que contempla a norma actual, e permite que o consentimento das menores de 16 e 17 anos sexa suficiente para abortar.