Sanidade pública

A falta de recursos e a non cobertura de baixas médicas "fan colapsar" o 061: "É un sistema clientelar"

O técnico de ambulancia no Morrazo Óscar Graña denuncia as deficiencias do servizo de transporte sanitario urxente. (Foto: Nós Diario)
Persoal, empresas e Contas critican o recorte de medios da Consellaría de Sanidade.

Persoal e empresas de ambulancias advirten do colapso do servizo. Se as críticas por falta de persoal e medios viñan aumentando nos últimos meses, agora endurécense ao Goberno galego fracasar na dotación do servizo de transporte de emerxencias sanitarias, cun concurso no que a Fundación Urxencias Sanitarias tivo que declarar “deserta” a licitación do servizo. O motivo, “non terse presentado ningunha oferta” para áreas tan poboadas coma A Coruña, Baixo Miño, Pontevedra, O Salnés ou Vigo.

A Fundación Urxencias Sanitarias explicaba en xaneiro a Nós Diario que “a dotación actual de recursos asistenciais do 061 garante a cobertura axeitada”. Porén, só un mes despois, a licitación falida do servizo e as advertencias de empresas e traballadores alertan de que o servizo de transporte urxente sanitario “está no colapso”.

A sobrecarga de traballo por falla de medios, a presión asistencial derivada da pandemia e os problemas de saúde físicos polo esforzo asistencial están a provocar que moitos técnicos estean de baixa “porque a presión pola carga de traballo desgasta física e psicoloxicamente”, explica o técnico de emerxencias sanitarias (TES) do Salnés José Ribadomar. Isto mesmo confírmao o responsábel dunha empresa de ambulancias da área de Compostela: “Temos moitas baixas e iso suma un gasto máis á conta de prestar os servizos, e os números non saen”.

As empresas de ambulancias coas que contrata o 061 explican que boa parte da licitación quedou deserta porque “era un concurso infradotado e moitas empresas temos decidido non voltar a presentarnos se isto segue así”. Din que “o Sergas pretende ter un 061 low cost, e iso non é un servizo de calidade”.

Persoal de ambulancias sinala que foron os sindicatos os que obrigaron a Consellaría de Sanidade a sacar este concurso “logo de numerosas peticións ante a precariedade na que se atopa este servizo”. Destacan que desde a posta en marcha do 061 na Galiza hai 25 anos “temos agora poucas máis ambulancias que daquela”.

Neste tempo, sinala José Ribadomar, “o servizo non fixo máis que precarizarse para o persoal, para as usuarias e os usuarios e mesmo para as empresas”. Outro técnico de ambulancia, Óscar Graña, do Morrazo, denuncia que “os parches e a política do 061 provoca que o servizo estea mal dimensionado e que haxa empresas que traballan arreo e que acaban por prestar un servizo en precario. É un sistema clientelar”. Denuncia  a existencia dunha “mafia” no sector, “hai adxudicacións dadas antes de empezar os concursos e sempre son as mesmas empresas que xunto co Sergas só pensan en recortar dun lado e gañar cartos doutro”.

Advertencias de Contas

Non só empresas de ambulancias e persoal denuncian a situación. Un informe do Consello de Contas de 2023 advirte o 061 dunha 'maquillaxe de datos' para cumprir ratios de cobertura e satisfacción de usuarios. Para este informe, Contas desbotou os datos e parámetros da Fundación sinalando que “o único indicador fiábel para a avaliación da calidade do servizo é o tempo medio de resposta total”.

Segundo o informe, este tempo é de 17 minutos e 58 segundos para as ambulancias de Soporte Vital Avanzado (SVA), de 21 minutos e 23 segundos para as de Soporte Vital Básico (SVB) e de 29 minutos e 28 segundos para os helicópteros. Deste modo, para as SVB, a media dos tempos de traxecto por concello é de 17 minutos e 48 segundos, e en 198 concellos que engloban 22% da poboación galega “foi superior a 15 minutos”, polo que o resultado deste indicador “é de 78%, fronte ao 90% fixado como obxectivo”.

No caso das SVA o informe acredita que o tempo de resposta foi superior a 20 minutos ou “non é susceptible de prestarse o servizo para 229 concellos, que representan 36% da poboación”. Ademais, Contas di “que a isocrona de 20 minutos só se cumpre para as sete grandes cidades e para os concellos de Foz, Monforte, Vilagarcía e zonas nun radio de 20 kms, mentres que as zonas do interior “quedan fora da isocrona”. Conclúe que “non se logran obxectivos” con este servizo. Dos 313 concellos do país, en 169 o tempo asistencial é inferior á media pero nos 144 restantes “está por riba chegando a diferenzas de tempo de resposta entre concellos de até 40 minutos e 37 segundos”.