A falta de pilotos impide que se cubra o horario dos helicópteros do 061

Helicóptero do 061 con base en Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)
A CIG asegura que a prestación non se cobre "de orto a ocaso" tal e como figura no contrato

A CIG-Saúde volveu a denunciar "un ano máis" o incumprimento do horario de servizo dos helicópteros do 061, debido a que están operativos "só por 12 horas" cando o contrato formalizado en 2019 coa concesionaria estabelece que debe ser de orto a ocaso, que agora mesmo dura máis de 12 horas.

Con todo, fontes do 061 replican que realizan un "estrito control do seguimento" do contrato, sen que por agora "conste incumprimento algún", á vez que aseguran que o transporte sanitario aéreo durante todas as horas de luz está garantida "durante todo o ano".

A través dun comunicado, a CIG-Saúde afirma que este "incumprimento" afecta os helicópteros que teñen base en Santiago de Compostela e Ourense.

O sindicato explica que a pasada terza feira a diferenza entre o orto e o ocaso foi de 12 horas e 11 minutos, un intervalo que irá en aumento, e que o vindeiro domingo será de 12 horas e 25 minutos en Santiago de Compostela.

Falta de pilotos

Con todo, aínda non se sabe "até cando a falta de pilotos fará incumprir o contrato" asinado pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061 e Eliance Global Services SL, a concesionaria.Para a CIG, este "incumprimento" xa denunciado o ano pasado fala das “poucas ganas e interese que a dirección do 061 pon no seguimento deste contrato". Ademais, supón "un prexuízo" para a cidadanía.

Con todo, fontes da entidade pública negan este incumprimento e aseguran que a asistencia sanitaria urxente aérea está garantida "entre o ortro e ocaso durante todo o ano", mesmo por riba das 12 horas cando se dá o caso.

Así mesmo, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ten "constancia do cumprimento" da normativa aeronáutica e reivindica o seu "estrito control" do seguimento dos contratos, sen que por agora "conste incumprimento algún" que carrexaría unha sanción.