CIG-Saúde denunciou esta terza feira o "incumprimento" do contrato de servizo de transporte sanitario aéreo do 061 pola escaseza de persoal, debido á ausencia de pilotos "para cubrir todo o contrato".
Así o anunciou nun comunicado de prensa este sindicato, que sostén que ese servizo de transporte sanitario en helicóptero préstase "durante menos tempo do contratado por falta de persoal".
A respecto diso, explicou que o contrato formalizado en 2019 estabelece que o período de servizo "será todos os días do ano de orto a ocaso" e desde o pasado 19 de marzo "ese período entre orto e ocaso supera as 12 horas de luz —tempo de xornada que pode voar un piloto—".
Por iso, CIG-Saúde lamentou que o servizo se preste "só por 12 horas ante a falta de pilotos para cubrir todo o horario do contrato". Este incumprimento, asegurou, afecta tanto o helicóptero con base en Compostela como o de Ourense.
Horario sen cobertura
En concreto, o sindicato salientou que este 22 de marzo o día durará 12 horas e 13 minutos e o vindeiro domingo, 12 horas e 28 minutos, "sen que se saiba até cando a falta de pilotos suficientes fará incumprir o contrato asinado entre a Fundación Pública Urxencias Sanitarias da Galiza-061 e Eliance Global Services S.L., concesionaria do servizo".
Aliás, para o sindicato esta circunstancia "supón un prexuízo" para as persoas usuarias do Sergas, que "quedarán privados deste medio de atención ás emerxencias nas últimas horas do día".