A falta de persoal nun centro de persoas con discapacidade de Ferrol fai desprazar usuarias a Bergondo

Concentración ás portas do CAMF de Ferrol en maio de 2022. (Foto: Europa Press)
O comité da empresa alerta dunha situación "límite" na residencia.

O comité de empresa do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Física (CAMPF) en Ferrol alerta dunha situación "límite" debido á falta de persoal. Así, informa de que esta problemática obrigou a Secretaría Xeral do Imserso a enviar usuarias ao centro máis próximo, o CPAP de Bergondo (comarca da Coruña). 

Nun comunicado, o comité recorda que este centro de Ferrol é o fogar destas persoas discapacitadas, que "requiren un maior coidado", e a falta de persoal de enfermaría supuxo un desprazamento das usuarias, sen descartar ter que recorrer a outros centros do Imserso. 

Avisa de que se vive unha situación precaria "desde hai anos", tal e como tamén denunciou a Asociación de Residentes do Centro de Atención a Minusválidos Físicos (Acamfe), para a atención ás actividades básicas da vida diaria das usuarias, como alimentación, hixiene e mobilidade. 

Dificultades na atención

Ademais da falta de cobertura de vacantes, denuncia que leva anos baleiro o posto de xefe de Mantemento, "indispensábel para solucionar as incidencias na quenda de noite, festivos e fins de semana". 

O comité sinala que se reduciu o persoal de atención directa ás residentes, especialmente na quenda de noite. "Esta situación está xerando serias dificultades para a atención das persoas que residen no centro e que non empeora máis grazas ao esforzo das traballadoras". 

Por todo isto, as representantes dos traballadores demandan que as persoas responsábeis do centro comparezan para falar con persoal, familias e usuarias. Reclaman ao Imserso a "urxente" adopción de medidas.