O Sergas fecha consultas en centros de saúde de Poio e Marín por falta de persoal após non cubrir as baixas

Persoal de Bueu ten que desprazarse a Marín para cubrir as ausencias. (Foto: Europa Press)
O Goberno galego non substitúe o persoal ausente polo período de vacacións, polo que o vindeiro 4 de xullo quedará sen médico, durante unha quincena, o ambulatorio de Raxó (Poio), mentres no centro de saúde de Marín son profesionais de Bueu quen están a cubrir as eivas neste lugar, deixando Bueu sen servizo de urxencias.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, vén de expresar o seu rexeitamento á decisión adoptada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) de deixar sen médico o ambulatorio de Raxó durante 15 días, a partir da vindeira segunda feira, 4 de xullo, por mor da falta de persoal.

O rexedor, segundo explicou, tivo constancia desta decisión após recibir unha chamada por parte do xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Ramón Gómez, e considerou que se trata dunha medida que "supón un agravio moi grande para a veciñanza e para as persoas" que os visitan "durante o verán". Sobral lembrou que Poio é un municipio turístico "dos máis importantes das Rías Baixas" e que "a presión asistencial en Poio xa vive unha situación complicada, con listas de espera interminábeis nos centros de saúde de Anafáns e de Combarro".

Pola súa parte, Silvia Díaz, portavoz municipal de Avante Poio, solicitou a celebración da Mesa de Defensa dos Dereitos Sanitarios, na que están representados os grupos políticos da corporación municipal, que será o vindeiro 5 de xullo e servirá para decidir as accións para emprender para evitar esta medida. Aliás, o portavoz do PSdeG-PSOE de Poio, Gregorio Agís, sostivo que "este é un paso máis no desmantelamento que a Xunta do PP está a provocar na asistencia sanitaria do municipio". Tamén critican o "silencio cómplice" do PP local.

Ante esta oposición á medida, o Sergas emitiu un comunicado esta sexta feira no que afirmou que mantén no consultorio de Raxó a cobertura de enfermaría de Atención Primaria e a dispoñibilidade do Persoal de Servizos Xerais (PSX), coa intención de "garantir a actividade e a continuidade asistencial durante o período de vacacións do facultativo que atende os pacientes neste centro". Por parte da dirección da área sanitaria lémbrase aos residentes na zona que se mantén a prestación de Atención Primaria no centro de saúde de Anafáns e no consultorio de Combarro.

Segundo sinalan os responsábeis sanitarios, ante a imposibilidade de cubrir a totalidade das ausencias do persoal facultativo, quer con profesionais das listaxes de contratación quer con persoal voluntario, óptase por efectuar a prolongación de xornada ou intersubstitucións, de maneira que o resto de profesionais do mesmo centro de saúde atenda provisionalmente a cota de consultas de pacientes correspondente aos profesionais ausentes, mantendo a continuidade operativa.

Persoal médico de Bueu atende en Marín

Tamén o BNG denunciou nun comunicado de prensa o fechamento de consultas médicas en horario de tarde no centro de saúde de Marín, debido tamén "á falta de persoal facultativo".

Aliás, engade o BNG que nos últimos días o Punto de Atención Continuada (PAC) tivo que ser atendido por persoal médico de Bueu, "deixando este concello sen servizo de urxencias e obrigando os veciños de Bueu a teren que asistir a Marín en caso dunha urxencia médica".

Por iso, desde o Bloque instan a alcaldesa da localidade, María Ramallo, a "demandar da Consellaría de Sanidade a dotación do persoal sanitario necesario para garantir unha atención sanitaria de calidade nos centros de saúde de Marín e Seixo".