Un informe encargado polo Consello Escolar da Galiza mapea as necesidades dos centros

A falta de persoal eiva o apoio educativo

O informe foi encargado polo Consello Escolar de Galiza (EuropaPress)
Un informe do Consello Escolar de Galiza "radiografía" a cobertura das necesidades específicas de poio educativo que prestan os centros de ensino galegos ao alumnado en período obrigatorio. O seu diagnóstico, unha falta de persoal das distintas especialidades que dificulta e empeora a atención á diversidade.
 

A comunidade educativa é unánime ao considerar a falta de persoal como a primeira das eivas que sofre na etapa de ensino obrigatorio da Galiza a atención á diversidade ou, máis en concreto, a atención ás necesidades específicas de apoio educativo

A conclusión tírase do informe encargado polo Consello Escolar da Galiza a un equipo de persoal docente e investigador vinculado ao Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, que onte se someteu a debate no propio órgano. Á pregunta sobre os recursos de persoal dos centros educativos formulada aos axentes educativos –3.344 profesionais dos distintos sectores, mais 664 nais, pais ou persoas titoras–, a resposta maioritaria é que son "poucos" ou, en menor medida, "insuficientes"

Así o considera o persoal orientador (44,9% do total cre que son poucos e 15,2%, insuficientes), o profesorado especialista de Audición e Linguaxe (38,8% e 14,8%), o profesorado de Pedagoxía Terapéutica (43%, mentres que 16,8% di que son "inexistentes"), os equipos directivos (52,3% e 10,5%), o profesorado titor (45,1% e19%) e o profesorado do ensino obrigatorio (42% e 16,6%). Unicamente a resposta das familias estima de forma maioritaria que os medios persoais son "bastante suficientes" –44,7%– e só 22,8% responde que son "escasos" ou, en 3,1%, "insuficientes".

Como advirten desde CIG-Ensino, esa escaseza de profesorado tamén implica, segundo se extrae do informe, "falta de tempo para a colaboración entre profesorado e equipos directivos". Así, o sindicato interpreta como "puntos chave" a necesidade de incrementar profesorado nos centros, de dispoñer de máis tempo e flexibilidade horaria e de estabilidade nos cadros de persoal fixo, prioridades que subscriben no informe os axentes educativos, que engaden a necesidade de coordinación. 

Peculiaridade, mellor que uniformidade

A diagnose concorda tamén coa que fai a Confederación de ANPA Galegas sobre a atención das necesidades educativas específicas. Antes que nada, o seu presidente, Fernando Lacaci, apunta: "Non debemos identificar a diversidade coas necesidades específicas de apoio educativo, porque no son o mesmo. A diversidade é un concepto máis amplo, que debe incluír as peculiaridades de cada quen no sistema educativo. Entón, o primeiro sería substituír os criterios de uniformidade polos de peculiariadade. É un cambio importante, porque o sistema educativo trata de forma uniforme todo o alumnado e iso é un problema: non hai maior desigualdade que tratar igual as persoas que son desiguais".

Para o representante das ANPA, a atención das alumnas e alumnos con necesidades específicas –menores con cadros clínicos, físicos ou neurolóxicos– precisa, ademais dunha mellor dotación de persoal, estabilidade. "O gran problema que temos nos centros públicos é que os equipos de orientación, que son os encargados de detectar, ao primeiro, as circunstancias que deberían activar unha atención á diversidade, son escasos e inestábeis", alerta, advertindo de que estas dúas condicións derivan en atrasos na valoración das e dos pequenos: "O que debería ser unha atención inmediata convértese en tardía e ese tempo perdido xoga na contra da nena ou do neno".

Para remedialo, o presidente da Confederación de ANPA Galegas chama a Xunta a convocar "as prazas e concursos axeitados para que o persoal poida ter praza fixa, algo que non ocorre", e a buscar mecanismos para incentivar a estabilidade do groso dos equipos orientadores no mesmo centro, "conxugando os seus dereitos laborais coa necesidade de atención do alumnado". Na mesma liña, urxe a dotar de forma eficaz os equipos orientadores, "como mínimo, cunha profesional por liña educativa", e acabar co sistema de orientación compartida entre centros. Tamén, considera axeitado que este sector profesional conte cun estatuto específico para ser máis operativo e non depender da dirección, "que non é especialista neste campo".  

En concordancia coa CIG, a entidade aposta tamén en multiplicar os equipos de orientación específica a aquelas cidades que non dispoñen deles e "a todas as zonas onde fagan falta". 

A formación, unha demanda recorrente

A práctica totalidade dos sectores profesionais consultados para a elaboración do informe do Consello Escolar coinciden ao cualificar a formación continua e específica como "elemento fundamental" na atención eficaz á diversidade. Así o estabelece tamén a Confederación de ANPA Galegas, que subliña a necesidade de que os centros conten con persoal "cualificado e formado".

"Ninguén é capaz de atender toda a diversidade, porque se precisa un coñecemento específico para cada caso. Iso require formación do profesorado e á Administración correspóndelle garantilo", estima o seu presidente.

Tamén os equipos de orientación específica participantes no estudo requiren da Administración formación para as distintas especialidades, ao considerar que non se oferta, mentres que o grupo especialista en Audición e Linguaxe sostén que hai "pouca oferta específica" e o de dirección, que a formación inicial é "deficiente", se ben a formación continua é cualificada como "suficiente". Neste caso, demándase formación "máis práctica".