A CIG reclamará á Xunta a aplicación das melloras ao apoio educativo

Suso Bermello é o secretario de CIG-Ensino (CIG)
A CIG-Ensino avanza que reclamará ao Goberno galego a posta en marcha das medidas aprobadas na sesión plenaria do Consello Escolar da Galiza para a mellora da atención ás necesidades específicas de apoio educativo de menores na etapa de ensino obrigatorio. 

O sindicato levaba ao plenario unha serie de propostas que, segundo informa, foron aprobadas  na súa "práctica totalidade", de maneira que "xa se deben considerar como patrimonio e orientación do máximo órgano de participación da comunidade educativa galega".

As propostas derivan do informe realizado polo Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago sobre o apoio á diversidade nos centros de ensino galegos. Nelas incluíanse un incremento dos cadros de persoal, con redución do horario lectivo, a posta en marcha dun Plan de Actuación Preferente destinado a combater o fracaso escolar e o abandono na escolarización temperá, a elaboración dunha Rede Educativa da Atención á Diversidade, a revisión dos postos ocupados por profesorado de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe en Infantil e Primaria, de cara a ampliar e dar estabilidade, a formación de todo o persoal ou a introdución de cambios nas ratios existentes a día de hoxe.

A necesidade de reducir a carga lectiva do profesorado para poder contar con máis tempo e flexibilidade horaria para a coordinación docente foi, segundo indica a CIG, o único aspecto que non foi validado durante a sesión do Consello Escolar. 

Nese sentido, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, parabenizouse onte "do debate e do resultado das votacións, con independencia de que criticamos que a Administración galega votase en contra da redución do horario".