A falta continuada de pediatra mobiliza a veciñanza de Lourenzá, na Mariña

A defensa da Atención primaria e dos servizos de pediatría na Mariña é previa á pandemia. (Foto: Nós Diario).
A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca una concentración o vindeiro domingo, 21 de xaneiro, na praza do Conde Santo de Lourenzá ás 12 horas.

A mobilización, sinala a entidade, responde "á falta de pediatra na localidade de xeito continuado".

Esta carencia, precisa a portavoz da plataforma sanitaria da Mariña, Montse Porteiro parte dunha situación previa de precariedade, xa que o servizo de pediatría vense prestando de "de forma compartida entre as localidades de Mondoñedo, Barreiros e Lourenzá", de maneira que a Lourenzá correspondéndolle consulta de pediatría un día á semana.

"A pandemia foi a escusa perfecta para o Sergas para eliminar o servizo nesta localidade e a día de hoxe continúa sen restabelecerse", sinala Porteiro, quen sitúa a orixe das eivas en pediatría "moito tempo atrás", con ausencias non substituídas, prolongadas no tempo e "que xa foron obxecto de mobilizacións nas tres localidades afectadas, con recollida se sinaturas e reclamacións colectivas".

Segundo explica a coordinadora do colectivo, "centos de familias reclamaron cobertura de pediatría cando o titular estaba ausente por mor de permisos ou baixas, máis non só fixeron caso omiso, senón que agora a ausencia de pediatra en Lourenzá e total e continuada".

Todas as prazas cubertas

É por iso que desde a plataforma  exixen ao Sergas que restabeleza "integramente" o servizo de pediatría, tanto en Lourenzá como no resto de localidades da Mariña onde persiste este grave problema. "Contar con pediatras nos centros de Atención Primaria non é ningún privilexio, senón un servizo básico que garante a normalidade na asistencia sanitaria e que está a ser desmantelado polo Goberno da Xunta", sentencia Porteiro.

Desde o colectivo sanitario chaman a toda a veciñanza da comarca a acudir á concentración do vindeiro domingo, na praza do Conde Santo de Lourenzá, ás 12 horas, en demanda "da reposición do pediatra" en Lourenzá, así como da normalización deste servizo esencial no resto de concellos cos que comparte asistencia.

Piden, ademais, que se "cubran as prazas de pediatras ou se substitúan as ausencias no resto de centros de saúde da comarca onde non se deu solución aínda".