A falla de persoal fai vulnerábeis as residencias

Residencia privada de maiores en Allariz da Fundación San Rosendo (Imaxe: Arxina)
"Nada mudou nin moito menos mellorou" nas residencias de maiores e de dependencia na Galiza a respecto da situación previa á pandemia nin durante o confinamento. Así o denuncian organizacións de traballadoras e traballadores e a federación REDE de usuarias e familiares. Coinciden todas en que o principal escollo que tiña que solucionarse para afrontar a segunda onda da pandemia é solventar a falla de persoal cualificado, tanto no sistema público, onde non se cobren vacacións, como nos centros xestionados por empresas, onde as condicións laborais son "moi precarias".  
 

O coronavirus volve entrar con forza nos centros xeriátricos da Galiza, afectando xa 99 residentes e 44 profesionais, segundo os datos actualizados onte polas Consellarías de Política Social e de Sanidade. Os contaxios disparáronse en apenas 20 días. De feito, o pasado 7 de agosto había cero usuarias coa Covid-19 nas residencias do país. 

Do total de maiores infectados neses centros, 87 corresponden á residencia privada do Incio (chegando até 74% das persoas usuarias das súas instalacións), mentres que son 26 as e os traballadores positivos. 11 son os casos rexistrados na residencia que ten en Culleredo o grupo empresarial Orpea, mentres que na da corporación DomusVi en Lalín computouse un contaxio. 

"Falta persoal, estamos igual ou peor que antes da pandemia", di Donia Jalda 

Ante esta situación as residencias de Lugo fechan portas. Nós Diario tivo acceso á carta remitida polo xerente da área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte a todas as residencias da mesma. Na comunicación trasládase "a conveniencia de interromper o proceso de normalización, suspendéndose" as actividades relativas ás "saídas dos usuarios e visitas aos residentes". 

Unha situación desastrosa

"Acabamos de superar por primeira vez en varios meses os 300 positivos diarios, e a tendencia é alcista. As residencias van ser castigadas na mesma medida, xa o estamos a comprobar", advirte a Nós Diario Paulino Campos, presidente de REDE, a Federación galega de asociacións de usuarias de residencias e familiares. 

Así mesmo, describe a situación nos centros xeriátricos de "desastrosa", ao considerar que "estamos peor que en marzo en canto á dotación de persoal". Para Campos o número de profesionais cualificados é a "peza básica da contención da pandemia" nas residencias. Nese sentido, lamenta que non se producise "ningún incremento do cadro" mentres que as tarefas se triplicaron, "sobre todo as de limpeza, hixiene, seguridade....".

Alén disto, a precariedade de medios humanos tórnase se cabe máis preocupante ao "estar o persoal esgotado", xa que "sufriu moito nos meses duros da pandemia, está afectado física e psicoloxicamente, mesmo quen  non tivo a Covid-19 na súa residencia, pois é agora o máis prexudicado", relata o presidente de REDE. 

"Non mudou nada"

A sindicalista Zeltia Burgos, responsábel da CIG-Administración, quéixase da "ausencia de interlocución coa Xunta" e lamenta que todo "siga igual" que antes e durante a pandemia. Burgos alerta da sobrecarga de traballo que está a sufrir o persoal nas residencias privadas e públicas.

En concreto, nas que dependen da Xunta e Consorcio "non se compensan en tempo os domingo nin os festivos traballados, endosan até tres fins de semana consecutivos e estamos a ver como ante a falla de enfermeiras e enfermeiros encárgase a auxiliares de Enfermaría que cubran as súas funcións, traballo que ás veces tamén se ven na obriga de realizar desde as direccións dos centros públicos". Ante tal precariedade, Burgos avisa de que o día 10 de setembro voltarán desde a CIG á mobilización. 

"As residencias van ser castigadas na mesma medida que en abril, xa o estamos a comprobar", lamenta Campos

Nas residencias privadas e mais nas públicas xestionadas por empresas tampouco "mudou nada" desde a primeira crise do coronavirus, destaca a este medio Sonia Jalda, presidenta de Traballadoras das Residencias da Galiza (Trega). 

"Non temos recursos humanos, estamos exactamente igual ou peor que antes da pandemia: o persoal indefinido está en período vacacional e non se cobren as vacacións, quedando prazas e labores sen atender porque non hai xente, mesmo se leva o fisioterapeuta do centro de Bembrive (Vigo) a Ribadumia porque hai unha demanda e queda aquí sen cubrir...". 

E é que Jalda ve "verdadeiramente difícil" que alguén queira traballar nas residencias privadas e nas públicas que xestionan empresas, sobre todo nas da corporación DomusVi, dada as condicións precarias que ofrecen nos seus contratos e a falta de medios existente nos seus centros. "Ninguén quere traballar nunha residencia que xestione unha empresa privada porque as condicións son unha vergoña", denuncia Jalda.

"Cada paciente precisa dun tempo de atención en función das súas necesidades e estas varían cada día", sinala esta traballadora e sindicalista para reclamar máis profesionais nas instalacións e así poder ter máis tempo para realizaren as súas funcións. "Nalgúns centros os encargados cronometran as traballadoras, pero nós non estamos a desparafusar coches, senón que estamos a atender persoas maiores", exclama. 

Unha máscara e nada máis

"Estabamos en mínimos e seguimos en mínimos, coas mesmas medidas que até o de agora: unha máscara e nada máis", denuncia a presidenta de Trega. 

Para Jalda as prioridades pasan por, alén de aumentar o número de traballadoras e traballadores, realizar "un control sobre o estado de saúde do persoal", maiormente a quen se incorpora de novo ou regresa das vacacións. E este estudo debe ser antes de entrar no centro, matiza. "O que non pode ser", di con carraxe, "é que se nos fagan análises até varios días despois de reincorporarnos ao traballo logo das vacacións". 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir do sábado, día 29, nos quiosques ou na nube]