Social

Seis falecementos máis nas residencias de maiores galegas elevan as mortes a 27

Desinfección nas residencias (Marta Fernández / Europa Press).
Producíronse seis falecementos nas últimas 24 horas en catro residencias de maiores da Galiza, segundo confirmou a Consellaría de Política Social. 

O número de vítimas mortais con coronavirus que faleceron nas instalacións das residencias de maiores da Galiza suma seis falecementos máis desde a quinta feira, polo que eleva a cifra a 27 mortos con COVID-19 nestes centros desde que a pandemia empezou a afectar ao país, segundo confirmou a Consellaría de Política Social.

Estes 27 falecementos deben sumarse aos datos que ofrece o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e que indican o número de falecidos nos centros hospitalarios, 149 até esta sexta feira. Polo tanto, a cifra total de persoas que faleceron con coronavirus na Galiza ascende a 176, segundo os últimos datos oficiais.

As seis persoas que morreron nas residencias e que engrosaron a lista de vítimas mortais con coronavurus vivían en O Portádego (A Coruña), dous en Domusvi San Lázaro (Santiago), un en Nosa Señora da Esperanza, San Rosendo (Ourense) e dúas persoas en Dosmuvi Cangas.

En total, o centro de Aldán contabiliza sete mortes nas súas dependencias até o día de hoxe (+2); Nosa Señora da Esperanza, catro (+1); DomusVi O Barreiro, dous (+1); O Portádego, cinco (+1); DomusVi San Lázaro, seis (+2); Fogar Bellolar, unha; Castro Caldelas, unha e Divino Mestre, unha.

Ademais, as residencias galegas suman 31 novasc ontaxiadas aos casos totais rexistrados nestes centros (entre usuarias e traballadoras) que eleva a cifra ás 607, 442 residentes e 165 empregadas.