Cinco falecementos e 55 altas deixan os casos da Covid nas residencias en 356

Residencia do Incio, que o pasado mes de agosto rexistrou un surto da Covid (Carlos Castro / Europa Press)

O número de empregados destes centros sitúase en 137 tras o rexistro de tres novos contaxios, mais a curación de catro casos.

A cifra de usuarios de residencias de maiores con Covid baixou a 356 na Galiza tras rexistrarse 55 altas, 50 delas no centro DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, e cinco falecementos nas últimas 24 horas. Mentres, os traballadores contaxiados baixaron lixeiramente, a 137, logo de tres positivos mais catro curacións.

Segundo os datos actualizados este sábado polas consellarías de Política Social e Sanidade, as altas entre os maiores producíronse na DomusVi Lugo (50), en Outeiro; na Santa Marta de Vigo (4); e na residencia Val de Monterrei (1).

Ademais, as autoridades sanitarias informaron na tarde da sexta feira de cinco falecementos en hospitais que gardaban relación con centros de maiores: dous homes de 77 e 92 anos e unha muller de 90 que proviñan do centro Os Gozos de Pereiro de Aguiar; e dous homes, de 92 e 84, que vivían en Val de Monterrei.

Os Gozos, con máis casos

Así, a residencia con máis usuarios contaxiados é a de Os Gozos, con 160; seguida da DomusVi Lugo de Outeiro de Rei, agora con 79; Val de Monterrei, con 49; Nosa Señora do Viso de Lobeira, con 33; Santa Marta de Vigo, con nove; Las Salinas de Ourense, con outros nove; e Torrente Ballester da Coruña, con cinco.

Mentres, con tres usuarios contaxiados cada unha están as residencias Ballesol de Oleiros, DomusVi Coruña e Virgen Blanca de Ourense; e con un a Residencia Arteixo, Nosa Señora dos Milagres de Barbadás e Vivenda comunitaria Pepa Isa II de Entrimo.

Traballadores

En canto aos traballadores con Covid, nas últimas 24 horas detectáronse dous positivos en Val de Monterrei e un en Os Miragres de Barbadás, mentres que se rexistrou a curación dun empregado de DomusVi Coruña, outro na de Barbadás e dous no centro de Monterrei. Deste modo, o total fica de casos activos fica en 137.