Volven subir os positivos diarios no país, a 355, tras repuntar a 97 en Ourense

Veciños de Ourense nunha rúa do barrio do Couto (Rosa Veiga / Europa Press)

Rexistráronse incrementos en todas as áreas sanitarias, agás na da Coruña e Cee, onde se mantén a cifra, en na de Lugo-A Mariña-Monforte, onde baixa.

Os contaxios da Covid-19 detectados na Galiza volveron subir nas últimas 24 horas, en que se detectaron 355 positivos confirmados por PCR, nove máis que na xornada anterior. De todos eles, a área de Ourense acumula 97, o que tamén supón un repunte de 16.

Ademais, segundo os datos actualizados na web da Consellaría de Sanidade na mañá deste sábado, 17 de outubro, con datos recollidos até as 18 horas da sexta feira, as novas infeccións por coronavirus rexistraron subas nas áreas sanitarias de Vigo, até os 68 (2); na de Santiago e Barbanza, a 62 (2); en Pontevedra e O Salnés, con 39 (8); e en Ferrol, até os 19 (9).

Mentres tanto, na área da Coruña e Cee as PCR positivas en 24 horas mantéñense en 57 e baixa a incidencia na de Lugo-A Mariña-Monforte, que detectou 20 positivos, 10 menos que un día antes.

En canto ás altas, nas últimas 24 horas curáronse 290 persoas da Covid no país, o que sitúa o total desde o principio da pandemia en 23.078. Ademais, até o momento faleceron 815 persoas diagnosticadas de coronavirus, tras as sete novas vítimas notificadas na tarde da sexta.

Así, os casos activos ─persoas que aínda padecen a enfermidade─ repuntou en 65, até se situar nos 4.745 este sábado, dado que se rexistraron máis contaxios que altas en 24 horas. De feito, subiron en todas as áreas sanitarias, agás na de Lugo.

En concreto, a de Ourense continúa como a que contabiliza un maior número de pacientes, cun total de 1.610, tras un ascenso de nove. Tamén soben os casos activos na da Coruña, a 807 ─23 máis─, en Santiago, 686 ─26 máis─, en Vigo, 632 ─40 máis─, en Pontevedra, 416 ─15 máis─, e en Ferrol, 169 ─dúas máis─.

A única área sanitaria en que caen as persoas coa Covid-19 activa é a de Lugo-A Mariña-Monforte, onde os pacientes baixaron en 50 e o total colócase en 425.

Probas PCR

Así mesmo, a web de Sanidade reflicte que até a data se realizaron 579.828 probas PCR, o que significa que nas últimas 24 horas se fixeron 7.138, máis que un día antes. Así, a porcentaxe de positivos na Galiza se sitúa este sábado en 5,6%, lixeiramente por riba do 5,2% da sexta.

A área sanitaria en que a positividade das PCR é máis alta continúa a ser Ourense, con 9,1%. Séguena as de Vigo, con 6,8%; Pontevedra-O Salnés, con 6,5%; e Lugo-A Mariña-Monforte, con 5,9%. O resto están por baixo do limiar de 5%.