O falecemento dunha muller de 95 anos en Ourense eleva a 618 as vítimas mortais na Galiza

Traballador sanitario e doente, nun hospital (Foto: E.P.).

O Sergas constata que desde o inicio da pandemia morreron 486 persoas en atención hospitalaria e 132 dentro de residencias de maiores.

O falecemento dunha muller de 95 anos da área sanitaria de Ourense e que tiña patoloxías previas eleva a 618 as vítimas mortais ligadas á pandemia do coronavirus na Galiza.

Fontes da Consellería de  Sanidade informaron do falecemento da anciá na xornada de hoxe. Os hospitais non comunicaran mortes nin o domingo nin na segunda feira, pero si na pasada xornada.

Deste modo, o Sergas constata que desde o inicio da pandemia morreron 486 persoas en atención hospitalaria e 132 dentro de residencias de maiores.

Os días sen mortes atribuídas á pandemia en hospitais foron os pasados 29 de abril, 14, 18, 19, 25, 27, 28, 29, 31 de maio, e 1 de xuño.

A primeira vítima, o 14 de marzo

A primeira vítima mortal deste virus rexistrouse o 14 de marzo, unha muller de 92 anos que se atopaba ingresada no Hospital Povisa de Vigo. Nesa mesma xornada producíase tamén a morte dun home de 81 anos ingresado en Pontevedra e que deu positivo na proba da COVID-19.

Neses días, os primeiros da alerta sanitaria na Galiza, nos que a comunidade contaba con menos de 300 casos activos, houbo dúas xornadas nas que non se rexistrou ningunha morte hospitalaria, o 15 de marzo e o 17 de marzo.

A partir do 18, cando as vítimas mortais no país ascendían xa a catro persoas, os hospitais da comunidade comunicaron falecementos todos os días, excepto en dez ocasións.