Coronavirus na Galiza: 707 casos activos e abeirando as 10.000 persoas curadas nunha nova xornada sen vítimas

Imaxe de arquivo (Arxina)
Do total de pacientes positivos, 3 permanecen en UCI (1 máis ca onte), 27 están en unidades de hospitalización (5 menos)  e 677 no domicilio (11 menos).

O coronavirus na Galiza continúa o seu devalo, aos poucos, e tendo en conta que a posibilidade dun rebrote está presente nas advertencias de informes e expertas.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, esta terza feira, o número de casos activos de coronavirus Galiza é de 707, 15 menos ca onte.

Deles 158 son da área da Coruña, 39 da de Lugo, 68 da de Ourense, 28 da de Pontevedra, 259 da área de Vigo, 135 da de Santiago, e 20 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 3 permanecen en UCI (1 máis ca onte), 27 están en unidades de hospitalización (5 menos)  e 677 no domicilio (11 menos).

Polo de agora, na Galiza hai un total de 9.991 persoas curadas, rexistrándose 616 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 144.226.

No que atinxe ás residencias de anciás, hai 75 casos activos (6 menos ca onte), dos que 36 son de persoas usuarias mentres que 39 son de traballadoras e traballadores.

Os falecementos mantéñense en 273: 132 en residencias e 141 en hospitais e residencias integradas.