Falece unha muller de 38 anos na Coruña e pasa a ser a vítima 2.439 da Covid-19 na Galiza

Área de vacinación no recinto de ExpoCoruña coa campaña en persoas de 30 a 39 anos. (Foto: Nós Diario)
Malia que a paciente padecía patoloxías previas que dificultaron a súa curación, este pasamento sucede cando a evolución dos contaxios é peor na xente máis nova, en pleno proceso de vacinación ou aínda sen cita.

Unha muller de 38 anos converteuse na cuarta feira na vítima 2.439 do coronavirus na Galiza. Malia que a vítima tiña patoloxías previas que dificultaron que superase a enfermidade, nun momento no que os contaxios entre a xente máis nova van en aumento refrenda as advertencias das autoridades sanitarias: a xente de menos idade tamén pode enfermar e morrer por esta pandemia.

A finada, que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), é a quinta galega que de menos de 40 anos que perde a vida pola Covid-19 desde o mes de marzo de 2020, cando comezou a notarse a crise sanitaria.

A Consellaría de Sanidade, que explicou que a moza tiña patoloxías previas, aclarou que o óbito tivo lugar nesta terza feira pero non se achegou a información até hoxe.

As cifras falan xa de 2.349 falecidas no que vai de pandemia malia que nas últimas semanas tamén hai xornadas nas que non hai que lamentar ningún deceso. A última persoa que non conseguiu superar a infección tiña 38 anos -precisamente a campaña de vacinación está agora coa primeira dose dos tratamentos na franxa de idade de 30 a 39 anos e a segunda nas e nos galegos de 40 a 49 anos- pero xa houbo outras catro antes.

Despois dun foco na residencia Doral de Mos finou un mozo de 28 anos e no mes de febreiro o virus custoulle a vida a outra doente, neste caso de 31 anos pero tamén con doenzas anteriores.

Na primeira onda da pandemia faleceran unha embarazada e un actor ferrolán de 35 anos, que á súa vez sufría outra enfermidade antes de contraer a Covid-19.

Malia ser casos puntuais, o feito de que transcendan neste momento de descontrol en parte da mocidade é significativo para que a poboación preste máis atención ás peticións de "responsabilidade" por parte das autoridades.