Obituario

Falece a xornalista María Teresa Campos

María Teresa Campos, na gala dos Premios Ondas 2019. (Foto: José Irún)
Fora ingresada o domingo en estado grave por unha insuficiencia respiratoria.

Un dos rostros máis recoñecidos da televisión no Estado español, María Teresa Campos (Tetuán, Marrocos, 1941), faleceu esta madrugada —contra as 5.25 horas— no Hospital Jiménez Díaz de Madrid, onde fora ingresada o pasado domingo en estado "moi grave" por mor dunha insuficiencia respiratoria. Desde hai meses arrastraba problemas de saúde que se foron agravando co tempo e que finalmente non puido superar aos seus 82 anos. O parte médico da segunda feira xa apuntaba a un "empeoramento" de Campos.

Ao longo da xornada de onte, familiares e amigos próximos acompañaron á comunicadora. A última hora da tarde, o crego Ángel García , após visitala, adiantou aos numerosos medios de comunicación presentes ás portas do centro sanitario que Campos estaba "no proceso de marchar", arrodeada dos seus seres queridos. María Teresa Campos levaba retirada da vida pública dous anos, logo de sufrir unha deterioración progresiva da súa saúde.

María Teresa Campos, nada en Tetuán o 18 de xuño de 1941 e vinculada desde pequena á cidade de Málaga (Andalucía), foi unha das figuras máis relevantes da comunicación no Estado español. Avalan esa afirmación o seu máis de medio século de traxectoria profesional e os numerosos premios logrados, entre eles dous Ondas, tres Antenas de Ouro e dous TP de Ouro, alén do Premio Iris da Academia das Ciencias e as Artes de Televisión de España. É tamén Medalla de Ouro de Andalucía (2000) e Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo (2017).

Nos seus inicios, aínda en tempos da ditadura, Campos foi unha pioneira do debate social na radio sobre o papel da muller nunha sociedade moderna. Durante dúas décadas de televisión en España conseguiu audiencias de até 32%, o que lle valeu o apelativo de 'a raíña das mañás'.

Nai de Terelu Campos e Carmen Borrego, comezou a súa traxectoria no xornalismo con apenas 15 anos, xunto ao seu irmán, na radio. Pasou por COPE RCE e chegou a ser subdirectora do programa Hoy por hoy, na Cadena SER. A televisión foi o seu lugar estrela, onde se converteu na 'raíña das mañás' con programas como Día a día, Pasa la vida ou Cada día. O último programa que presentou foi ¡Qué tiempo tan feliz!. Tamén protagonizou o seu propio reality canda as súas fillas, Las Campos.