Falece a primeira persoa no Estado español pola varíola do mono

A OMS insta a illar e rastrexar os contactos estreitos dos casos positivos de varíola do mono para deter a transmisión. (Foto: Berkay)
Na Galiza notificáronse 37 contaxios.

O Ministerio de Sanidade confirmou na tarde desta sexta feira o primeiro falecemento dunha persoa polo contaxio da varíola do mono.

En total, no Estado español notificáronse até o de agora unhas 4.298 persoas contaxiadas, das que só 120 (3,2%) precisaron ser hospitalizadas para recibir tratamento médico, segundo os datos da Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica (Renave).

De todos os casos notificados, 64 corresponden a mulleres, tendo un moito maior transmisibilidade entre os homes.

No caso da Galiza, o último reporte do Ministerio de Sanidade, desta mesma tarde, mostra que se rexistraron 37 contaxios. Madrid e Catalunya son as autonomías máis afectadas por esta vaga de casos, con 1.656 e 1.406 respectivamente.

A OMS declarou a alerta máxima

O pasado 23 de xullo, a Organización Mundial da Saúde (OMS) decretou a alerta máxima e a emerxencia de saúde global pola varíola do mono, logo de que e producise un aumento exponencial dos casos nas últimas semanas.

Foi o director xeral da OMS, Tedros Adhanom, quen tomou a decisión de declarar o nivel máis alto de alerta que pode emitir o organismo, despois de que se notificara o falecemento de cando menos cinco persoas. 

Despois de que a OMS decretase o nivel máximo de alerta, a responsábel de saúde da Comisión Europea, Stella Kyriakides, asegurou na súa conta de Twitter que as autoridades estiveron " seguindo a situación de maneira activa desde o primeiro día".

Aliás, sinalou que "as vacinas contra a varíola do mono xa están a ser entregadas aos nosos Estados membro. Estamos preparados para intensificar a resposta da Unión Europea (UE)".