Falece unha persoa nun incendio nunha vivenda en Oleiros
Descoñécese de momento a orixe do lume.
Unha persoa faleceu nunha vivenda de Oleiros (comarca da Coruña) na que se rexistrou un incendio, segundo informa o Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento no seu último parte.
Ao lugar, na rúa do Xuncal, trasladáronse na tarde desta segunda feira os bombeiros do parque provincial de Arteixo (comarca da Coruña) que participaron nos labores de extinción do lume.
Segundo informan desde o 112-Galiza, tamén perderon a vida un can e un gato que se atopaban no piso.
O suceso, explican desde o Consorcio, produciuse por motivos que aínda se descoñecen. No operativo, participou tamén o Servizo Municipal de Emerxencias e Urxencias Sanitarias 061.