Falece nun parque eólico un traballador dunha empresa coruñesa

Un parque eólico no monte Pindo, no concello de Carnota (Foto: Nós Diario).
O accidente produciuse no parque asturiano de Tineo, cando o traballador, de 36 anos, caeu desde unha altura de 45 metros.

Un traballador de 36 anos faleceu esta cuarta feira nun parque eólico de Tineo (Asturies).

O falecido, A. G. P. pertencía a a unha empresa da Coruña e, segundo fontes da Unión Xeral de Traballadores (UXT), sufriu unha caída desde o alto dun aeroxerador no parque eólico de Pico Gallu. A caída produciuse desde uns 45 metros de altura.

Á noticia referíronse os deputados e as deputadas asturianas no pleno da Xunta Xeral do Principado de Asturias (XXPA), cuxo debate versaba arredor dunha iniciativa sobre sinistralidade laboral.

Os datos do Issga

Segundo os datos do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), correspondentes a 2020, na Galiza non mellora a situación de sinistralidade nos últimos anos.

 Ademais, o ano pasado, coa particular situación vivida de pandemia, confinamento e fechamento dalgunhas actividades como protagonistas, tiveron lugar 24.511 accidentes de traballo con baixa.

Deste total, un 90,99% ocorreron en xornada laboral (22.302 accidentes) e o 9,01% restante no desprazamento do domicilio ao centro de traballo ou viceversa (2.209 accidentes).

En relación co ano anterior, 2019, os accidentes de traballo con baixa en xornada laboral diminuíron un 24,45% e os accidentes in itinere descenderon un 29,27%.

En canto a mortalidade, os datos indican que en 2020 morreron 59 persoas en accidente de traballo (52 en xornada laboral, dúas mortes menos que en 2019, e 7 in itinere).

Segundo as estatísticas do Ministerio de Traballo, Galiza rexistrou unha incidencia de 5,31 accidentes mortais por cada 100.000 traballadoras e traballadores, mentres que a proporción na media do Estado español foi de 3,27. Na clasificación estatal sería o cuarto territorio con maior índice de accidentes mortais.