Foi deputada provincial nos últimos 4 anos

Falece Ánxela Franco, concelleira do BNG en Porto do Son

[Imaxe: Cedida] Ánxela Franco

Ánxela Franco faleceu no Hospital Clínico de Santiago a causa dunha enfermidade detectada hai poucos días. Porto do Son e o BNG reciben con conmoción a triste nova do pasamento dunha muller de incansábel compromiso con Galiza e co nacionalismo.

Ánxela Franco faleceu aos 57 anos no Hospital Clínico de Santiago, onde estivo ingresada debido a unha enfermidade diagnosticada hai poucas semanas.

Porto do Son e a familia nacionalista recibiu con conmoción a triste noticia do falecemento de Ánxela Franco, referencial tanto neste concello onde era edila como no propio Bloque Nacionalista Galego, cunha longa traxectoria e compromiso político coa formación nacionalista. Ánxela tamén era activa militante da Unión do Povo Galego e membro do seu Comité Central.

Nas eleccións do 26 de maio renovara a súa acta de concelleira no Porto do Son, e nos últimos catro anos foi deputada provincial na Coruña á fronte das políticas de igualdade e benestar. Nesta área da deputación desenvolveu un amplo traballo e puxo en marcha os programa ‘Compartimos Plan’, ‘Plan de Acción de Servizos Sociais Rede de concellos para o Benestar’ e ‘Decrouña accesíbel’, entre outros. Ademais impulsou numerosos proxectos encamiñados á eliminación das violencias machistas como ‘Suprime o control’ e ‘Quen dixo medo’.

O alcalde en funcións de Porto do Son, Luís Oujo manifestou a súa fonda tristeza e convocou pleno extraordinario para a tarde deste domingo para decretar tres días de loito polo seu falecemento.

No tanatorio das Dores de Xarás, en Ribeira, están a ser velados os restos mortais de Ánxela Franco. O luns ás 20 horas partirán cara á igrexa de Santa María de Caamaño, a parroquia natal de Ánxela, en Porto do Son, onde a continuación se realizará o funeral e enterro. Nos vindeiros días realizarase tamén un acto na súa honra. 

Publicamos a última entrevista de Ánxela Franco concedida ao semanario en papel Sermos Galiza número 284, do 15 de febreiro de 2018. Conversa en que falou do traballo á fronte da área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación da Coruña.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, expresou a tristeza e loito da familia nacionalista polo falecemento de Ánxela Franco, a quen salientou como unha muller boa e xenerosa, valente, decidida e que demostrou sempre o seu compromiso con Galiza.

 

A vicepresidenta da Deputación da Coruña e concelleira compostelá do BNG, Goretti Sanmartín, amosou tamén a súa dor polo falecemento de Ánxela Franco, compañeira de organización política e de goberno á fronte da deputación.  

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e máis a propia institución tamén expresaron o seu lamento polo falecemento de Ánxela Franco, deputada de Benestar Social, Educación, Igualdade e Participación de Xénero na goberno provincial. Formoso enviou o seu pésame á familia, amizades e as e os compañeiros do BNG. 

O secretario xeral da Unión do Povo Galego e membro da executiva nacional do BNG, Néstor Rego, sinalou de Ánxela Franco “a perda inmensa que para todos nós” significa o seu falecemento. “Queremos lembrala así, sempre sorrindo”, escribiu na rede.

 

O deputado do BNG Luís Bará resaltou o exemplo, a loita e o compromiso da nacionalista e afirmou que “sempre estará con nós”.

 

 

 

 

 

As outras forzas políticas galegas tamén comunicaron a súa tristeza polo pasamento de Ánxela Franco e expresaron o seu recoñecemento á concelleira nacionalista pola súa calidade humana e a entrega persoal e política coas causas sociais e a defensa de Galiza.

 

Diversas entidades, asociacións do tecido social galego e medios tamén quixeron expresar o seu pesar polo falecemento de Ánxela, de quen sinalan foi unha referencia para moitas.