Falece unha muller e outra resulta ferida ao ser atropeladas por unha furgoneta de repartición de pan na Caniza
Unha muller faleceu e outra resultou ferida ao ser atropeladas por unha furgoneta de repartición de pan na localidade da Caniza (A Paradanta). Tal e como informou o 112 Galiza, o suceso produciuse uns 10 minutos antes das 13 horas.
Un particular alertou á central de emerxencias de que unha furgoneta de repartición de pan arroiara dúas persoas no Portonaval, na parroquia de Petán. Segundo os datos recollidos polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Galiza (CIAE-112), o vehículo atopábase parado e sen condutor cando se desprazou marcha atrás e arroiou as dúas mulleres.
Ao ter coñecemento dos feitos, o equipo do 112 deron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, quen se encargou de mobilizar o helicóptero medicalizado con base na cidade de Ourense.
Tamén se desprazaron até o punto efectivos do GES-SPEIS de Ponteareas, axentes da Garda Civil e da Policía Local da Cañiza. Os Bombeiros de Ponteareas encargáronse de liberar as dúas mulleres, mais os equipos sanitarios confirmaron o falecemento dunha delas.