Falece unha moza galega na explosión que tivo lugar na Habana

O céntrico hotel Saratoga, na Habana, atópase fronte ao Capitolio. (Foto: @AngelRCuba)
Unha moza galega de Viveiro (A Mariña), con identidade C.L. e nada en 1993, faleceu pola explosión acontecida na sexta feira no Hotel Saratoga da Habana (Cuba). O seu compañeiro, das Pontes (Eume), atópase grave.

Unha moza galega de Viveiro (A Mariña), con identidade C.L. e nada en 1993, faleceu pola explosión acontecida na sexta feira no Hotel Saratoga da Habana (Cuba).

Ademais, segundo informaron fontes próximas á súa contorna, permanece en estado grave o compañeiro dela, un mozo nado en 1991 e veciño das Pontes (Eume). Ambos permanecían de vacacións na zona.

As autoridades cubanas informaron de máis dunha vintena de mortos pola explosión, atribuída a unha fuga de gas e que provocou danos en toda a zona, adxacente ao casco antigo da capital cubana.

Os servizos de emerxencia seguiron a traballar durante toda a noite no lugar, en busca de novos cadáveres e mesmo de posíbeis sobreviventes, segundo medios oficiais.

Aumentan a 25 as persoas falecidas

Polo menos 25 persoas morreron pola explosión rexistrada  na sexta feira no Hotel Saratoga da Habana, segundo un novo balance de vítimas actualizado tras a recuperación de varios cadáveres máis durante este sábado.

O presidente cubano, Miguel Díaz-Canel, encomiou o labor dos "heroes" que, nestas "horas terríbeis", seguiron traballando durante toda a noite en busca de posíbeis corpos ou sobreviventes atrapados entre os cascallos.

"É moi lamentábel o ocorrido, a destrución, sobre todo as perdas de vidas, e tamén as persoas lesionadas, pero unha vez máis quero destacar a rapidez con que se mobilizaron a poboación e as institucións. Primou a solidariedade", destacou.

As autoridades locais atribuíron a explosión a un accidente, ocorrido aparentemente durante o traslado de gas desde un camión aparcado xunto ao estabelecemento hostaleiro.