Cuba

Máis dunha vintena de persoas falecen tras unha explosión nun hotel céntrico da Habana

O edificio estaba a ser rehabilitado e preparábase para a súa reapertura logo de permanecer dous anos fechado.
O Goberno cubano confirmou até o momento oito mortes. (Foto: Granma)
photo_camera O Goberno cubano confirmou até o momento oito mortes. (Foto: Granma)

Unha explosión rexistrada contra as 10.50 horas [hora local] no Hotel Saratoga da Habana, en Cuba, deixa até o momento un balance de 22 persoas mortas 64 feridas, segundo informou o Goberno.

Se ben nun primeiro intre algunhas persoas usuarias que notificaron o suceso a través das redes sociais apuntaban como posíbel causa a un atentado, esta tese foi finalmente rebatida após confirmar as pesquisas preliminares que se tratou dunha fuga de gas.

Desde un hospital da zona informaron ao xornal Granma da chegada de, cando menos, 35 vítimas ás instalacións, das que sete requirirían de intervención cirúrxica ao atopárense en "estado crítico".

O intendente de La Habana Vieja, Alexis Acosta Silva, afirmou que no momento da explosión estábase a habilitar unha bala de gas licuado na cociña do hotel. O cociñeiro "sentiu o cheiro a gas, revisou as conexións e descubriu unha fisura na mangueira de abastecemento".

Acosta afirmou que todos os nenos e nenas que estaban nunha escola próxima ao hotel "foron evacuados e ningún sufriu danos". Até o lugar desprazouse o presidente de Cuba, Miguel Díaz-Canel, que posteriormente visitou as persoas feridas en diferentes hospitais da capital.

O hotel estaba fechado á espera da reapertura

Segundo apuntou Granma, o Hotel Saratoga foi construído en 1880. O inmóbel "mantivo a súa vitalidade até a década de 1960", cando o Goberno de Fidel Castro o interveu para convertelo nun "edificio da veciñanza con múltiples subdivisións" até quedar "desocupado" polo seu estado "deplorábel".

Actualmente estaba a ser rehabilitado tras dous anos fechado e preparábase para a súa reapertura, algo que, á vista das imaxes que transcenderon da explosión, non será unha tarefa sinxela.

Comentarios