Falece un home de 80 anos afogado en Carnota entre dúbidas sobre a operatividade do helicóptero de emerxencias de Compostela

Helicóptero do 061 (Foto: Sergas).
A CIG-Saúde denunciou esta semana que o helicóptero medicalizado H3, con base en Compostela, está inoperativo. O feito de que tivese que acudir o helicóptero con base en Ourense xera dúbidas sobre se continuaba inoperativo e sobre se a intervención do mesmo tería sido máis rápida.

Un home de 80 anos morreu afogado na mañá desta sexta feira na praia de Caldebarcos, no municipio de Carnota (comarca de Muros), á que acudira para darse un baño. O home que resultou falecido é veciño de Caldebarcos e foi localizado por un particular que rescatou o corpo da auga e deu o aviso á central dos 112 minutos antes das 12.30 horas.

Segundo trasladaron fontes próximas ao ocorrido, o falecido sairía da súa casa para darse un baño no areal e morreu afogado. Até a zona mobilizouse o helicóptero de Urxencias Sanitarias 061 con base en Ourense, o que xera dúbidas de se o de Compostela continuaba inoperativo, tal e como denunciou a CIG esta semana. Cando chegou o helicóptero, este non puido facer nada pola vida do octoxenario. Tamén acudiron á praia axentes da Policía Local e Garda Civil, así como voluntarios de Protección Civil de Carnota.

Helicóptero inoperativo?

CIG-Saúde denunciou esta semana que o helicóptero medicalizado H3, con base en Compostela, está inoperativo desde a segunda feira 15 ás 13 horas, e que non se agardaba que volvera estar operativo até a sexta feira. O feito de que tivese que acudir o helicóptero con base en Ourense xera dúbidas sobre se continuaba inoperativo e sobre se a intervención do mesmo tería sido máis rápida.

Aínda que os pregos do servizo estabelecen que a empresa adxudicataria debe dispor dun aparello de substitución, Elliance Helicopter Global Services S.L. non vai cumprir está cláusula dos pregos, segundo denunciaba o sindicato.

A organización sinalaba, ademais, que está inoperatividade non está causada por un imprevisto senón que se trata dunha intervención programada para a instalación dunha caixa de comunicación que os pregos estabelecen como obrigatoria.

Esta situación dáse no marco temporal de cambio de contrato do servizo de transporte sanitario urxente aéreo. O novo contrato foi formalizado o pasado 18 de marzo 2024, despois de que a primeira licitación quedará deserta e se volvera a licitar o mesmo servizo por tres millóns máis de euros, explicaba a CIG-Saúde.

O aparello en cuestión chegou á base de Compostela en febreiro coa intención de quedar xa para prestar servizo co novo contrato, mais estivo inoperativo debido a que non había espazo suficiente no asento do persoal médico, acrecenta a organización.

Ademais desta deficiencia, salientaban desde a central sindical nacionalista, o aparello presentaba outras que quedaron pendentes de arranxar, unha delas a instalación de unha caixa de comunicación que agora provoca esta situación.

Posíbel extensión do problema en Ourense

Ademais do propio incumprimento do contrato, esta circunstancia supón un prexuízo para os usuarios e as usuarias do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que quedan privados deste medio de atención ás emerxencias durante catro días, concluía a CIG, que ademais avisaba de que se agarda que ocorra o mesmo co helicóptero con base en Ourense nas próximas datas.