A CIG-Saúde alerta de que o helicóptero de urxencias sanitarias de Compostela non está operativo

Helicóptero do 061 (Foto: Sergas).
A situación sucederase até a sexta feira.

A CIG-Saúde vén de denunciar que o helicóptero medicalizado H3, con base en Compostela, está inoperante dende esta segunda feira 15 ás 13 horas, e que non se agarda que volva estar operativo até a sexta feira.

Aínda que os pregos do servizo estabelecen que a empresa adxudicataria debe dispor dun aparello de substitución, Elliance Helicopter Global Services S.L. non vai cumprir está cláusula dos pregos, segundo denuncia o sindicato.

A organización sinala, ademais, que está inoperatividade non está causada por un imprevisto senón que se trata dunha intervención programada para a instalación dunha caixa de comunicación que os pregos estabelecen como obrigatoria.

Esta situación dáse no marco temporal de cambio de contrato do servizo de transporte sanitario urxente aéreo. O novo contrato foi formalizado o pasado 18 de marzo 2024, despois de que a primeira licitación quedará deserta e se volvera a licitar o mesmo servizo por tres millóns máis de euros, explica a CIG-Saúde.

O aparello en cuestión chegou á base de Compostela en febreiro coa intención de quedar xa para prestar servizo co novo contrato, mais estivo inoperante debido a que non había espazo suficiente no asento do persoal médico, acrecenta a organización.

Ademais desta deficiencia, salientan desde a central sindical nacionalista, o aparello presentaba outras que quedaron pendentes de arranxar, unha delas a instalación de unha caixa de comunicación que agora provoca esta situación.

Posíbel extensión do problema en Ourense

Ademais do propio incumprimento do contrato, esta circunstancia supón un prexuízo para os usuarios e as usuarias do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que quedarán privados deste medio de atención ás emerxencias durante catro días, conclúe a CIG, que ademais avisa de que se agarda que ocorra o mesmo co helicóptero con base en Ourense nas próximas datas.