Falece un condutor nun accidente de tráfico en Dumbría

A estrada AC-552 ao seu paso por Dumbría. (Foto: Google)
Sucedeu esta madrugada no quilómetro 81 da AC-552.

Un accidente de tráfico rexistrado na madrugada desta cuarta feira na estrada AC-552 ao seu paso por Dumbría, na comarca de Fisterra, saldouse cunha persoa falecida, que era o propio condutor e único ocupante do vehículo.

Segundo a información proporcionada pola central de emerxencias do 112-Galiza, o accidente tivo lugar contra as 5 horas desta madrugada no quilómetro 81 da devandita estrada, onde o coche sufriu unha saída de vía.

Até a zona foron mobilizados efectivos dos Bombeiros de Cee, que tiveron que intervir para liberar o home. Posteriormente, os servizos sanitarios do 061 só puideron confirmar o falecemento da vítima. No operativo tamén interveu a Garda Civil de Tráfico.

Accidente en Muros

Por outra parte, unha persoa resultou ferida de gravidade logo de que o coche que conducía saíse da vía en Muros, na AC-550, á altura do punto quilométrico 34. O 112-Galiza recibiu a alerta do accidente perante un aviso de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago até o lugar do sinistro e no que a persoa ferida foi evacuada ao Hospital Clínico de Santiago de Compostela.

Nada máis ter coñecemento dos feitos, contra as 8.20 horas desta mañá, desde o 112-Galiza informouse ao GES de Muros, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e o servizo de mantemento da vía de circulación.