Falece o traballador ferido durante o incendio na fábrica da Pontesa, en Pontevedra

Labores de extinción do incendio na Pontesa. (Foto: Europa Press)
A contaminación por amianto impide que os bombeiros poidan acceder á nave.

O traballador que o domingo sufriu queimaduras de gravidade no incendio dunha nave da fábrica da Pontesa en Pontevedra, Benito González Dopazo, faleceu na madrugada deste cuarta feira debido á gravidade das súas lesións, tal e como confirman a Europa Press fontes do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).

O falecido, de 59 anos e que tamén era traballador do grupo Nogar, sufrira queimaduras en 85% do seu corpo. Permanecía ingresado desde o domingo no Chuac, onde foi trasladado para poder ser tratado.

González Dopazo era unha das tres persoas que resultaron feridas durante os traballos de extinción do lume. Os outros dous afectados son un bombeiro, que sufriu feridas de carácter leve, e un home de 44 anos que foi socorrido no propio lugar dos feitos.

Perigo polo amianto

Mentres tanto, na xornada desta terza feira Inspección de Traballo impediu aos bombeiros de Pontevedra traballar no interior da nave incendiada de Pontesa, após detectarse un pequeno conato durante a mañá da terza feira, debido á contaminación por amianto procedente da cuberta, que ardeu por completo.

Así o confirmou a  concelleira de Seguridade Cidadá de Pontevedra, Eva Vilaverde, que sostivo que, aínda que a situación de emerxencia xa decaeu, mantense "a mesma polvoreira con todas esas toneladas de gran e de cereal en permanente combustión, pero agora aínda peor, porque están dentro dunha nave que está queimada toda a súa estrutura, sen cuberta e con todo o material contaminado polo amianto".

Xa durante a mañá da terza feira, axentes da Policía Xudicial e Científica tiveron que facer uso dun dron para acceder á instalación e proseguir cos labores de investigación, que agora mesmo están centrados en discernir as causas que orixinaron este incendio.

A subdelegada do Goberno español en Pontevedra, Maica Larriba, subliñou que a Xunta, como órgano competente no control das zonas de servidume de tránsito -onde está incluída gran parte da Pontesa- autorizou a almacenaxe do gran e cereal que se atopa no interior da nave e que segue en “combustión permanente”, unha situación que “proseguirá durante varios días”, informou un bombeiro que traballa no lugar a Nós Diario.

Porén, o Concello xa solicitou a apertura do expediente sancionador contra a compañía Nogar, ao entender que, aínda que exista unha autorización expresa do Goberno galego para usar estas instalacións para almacenar gran ou cereais, a empresa que xestiona a nave debeu solicitar a licenza municipal de actividade.