Falece Carlos García Martínez, fundador e director do Museo do Pobo Galego

[Imaxe: Xurxo Lobato] Carlos García Martínez

Carlos García Martínez (Santiago de Compostela, 1945), fundador e director do Museo do Pobo Galego finou este sábado na súa cidade natal, após unha longa enfermidade.

Comprometido con Galiza desde os seus anos de estudante universitario, Carlos García Martínez fixo parte do Partido Socialista Galego durante o franquismo, formando parte daquel grupo de mozos que, nucleados arredor da figura de Fermín Bouza Brei, desenvolveron importantes traballos arqueolóxicos baixo o paraugas do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”.

 

Fundador e directivo do Museo do Pobo Galego, participou canda Rafael Baltar e Xusto Beramendi do seu grupo impulsor e chegou a asumir a Dirección após a morte de Antón Fraguas en 1986. Tamén ocupou na entidade outras responsabilidades como a de secretario e subdirector. Ao tempo foi patrón fundador da Fundación Castelao ou da Fundación Pedrón de Ouro, socio da Asociación Escritoras e Escritores en  Lingua Galega, académico correspondente da Academia Galega e presidente do Consello Galego de Museos.

 

Xurista de formación, desenvolveu a súa carreira profesional no Colexio de Arquitectos de Galiza. Porén, a súa autentica vocación e onde destacou como estudoso foi no ámbito histórico. Elaborou monografías como Arte rupestre en Campo Lameiro, Morfoloxía castrexa das terras de Compostela, Tipoloxía da vivenda popular galega ou De alicerces e devocións: unha ollada arredor das orixes. Gañou o "Premio Trasalba", outorgado pola Fundación Otero Pedrayo, en 1999.

 

Xusto Beramendi: "Significou practicamente todo para o Museo"

 

En declaracións a Sermos Galiza, o historiador Xusto Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, pon de manifesto que Carlos García Martínez "significou practicamente todo para o Museo, pois foi a persoa que máis horas e esforzos lle dedicou. Dedicoulle toda a súa vida ao Museo. O Museo é unha empresa colectiva, evidentemente, mais dentro diso, el foi o factotum maior". "Procuraremos continuar coa súa obra", engade Beramendi.

 

Os seus restos velaranse de 16h ás 21h do domingo e na segunda feira de 10h a 16h no auditorio do Museo do Pobo Galego. Precisamente, será na segunda feira, ás 17h, cando teña lugar o enterro no cemiterio de Figueiras, en Santiago de Compostela.