Falece Carlos Durão, “o galego de Londres”

O xornalista e escritor Carlos Durão. (Foto: Nós Diario)

Durão foi un dos referentes do galeguismo na diáspora

O escritor e xornalista galego Carlos Durão (Madrid, 1943) faleceu esta sexta feira, 8 de setembro, no Hospital do Meixoeiro, en Vigo.

Referente na comunidade de migrantes galegos no Reino Unido, foi un exemplo de compromiso coa lingua e a cultura galegas desde o exterior.

Desde a capital británica, foi un dos fundadores en 1970 do Grupo de Traballo de Galego de Londres, unha asociación de galeguistas que editaba un boletín que se distribuía á Galiza por correo con reflexións sobre o ensino do galego e a situación cultural e política da Galiza.

Tamén desde a emigración axudou na creación da Associaçom Galega da Língua (AGAL) en 1981, sendo a defensa do reintegracionismo unha das súas bandeiras.

Formou parte das Irmandades da Fala de Galiza e Portugal, Associaçao de Amizade Galiza-Portugal, Associaçom Galega da Língua, Asociación de Escritores en Lingua Galega e académico da Academia Galega da Língua Portuguesa.

Traballo literario

Durão foi membro do Comité de Cultura do Centro Galego de Londres e colaborou en publicacións como Grial (onde publicou un Plan Pedagóxico Galego en 1971), Teima, A Nosa Terra, Agália, O Ensino, Nós, Cardenos do Povo e Hífen.

Entre as obras da súa autoría figuran títulos como a novela psicolóxica A Teima (1973), Galegos de Londres (1978) sobre as experiencias dos migrantes galegos en Londres, ou a novela Siléncio, nós (1988). Tamén, no xénero lírico, Poemas do Não (1987), Focagens – fogagens: de correctione castraporum (1991) e Paralaxes (1994).