A poboación menor 16 anos é a que ten maior risco de pobreza: 22%
De cada 10 menores de 16 anos que hai na Galiza dous están en risco de pobreza ou exclusión social, 21,7%. Ningunha outra faixa de idade presenta unha porcentaxe tan alta. O dato figura na Enquisa estrutural dos fogares, publicada sta sexta feira polo Instituto Galega de Estatística (IGE) e con datos correspondentes a 2024. Ese 21,7%, ademais, é un aumento de máis de un punto sobre a taxa de risco de pobreza que os mozos e mozas de menos de 16 anos tiñan en 2023 (19,3%). A seguir está a faixa de adolescentes e persoas mozas, entre 16 e 24 anos, onde esa taxa de exclusión ou risco de pobreza é de 19,16% , tamén maior que no exercicio anterior (19%). No conxunto da poboación, esta taxa situouse ao feche de 2024 en 14,7%, o que tamén representa un aumento na comparativa co ano anterior, cando foi de 13,6%.
Non é esta enquisa do IGE a primeira que pon o foco este ano na Galiza no risco de pobreza que ameaza a infancia e mocidade. Un traballo da Plataforma de Infancia en colaboración coa Plataforma de Organizacións de Infancia da Galiza indicaba o pasado mes de setembro que a pobreza infantil era un problema estrutural "especialmente sensíbel aos períodos de crise e á ausencia de políticas públicas de apoio dirixidas a nenos, nenas e adolescentes". Cifraban en arredor de 58.000 os nenos, nenas e adolescentes galegos que viven en situación de risco de pobreza ou exclusión social.
Mais este non é o único dato indicativo da realidade económica e social galega. O informe do IGE rexistra que máis dun millón de persoas na Galiza (1.069.000) recoñecen que chegan a fin de mes con "dificultade" ou "moita dificultade". É case 40% da poboación galega. Delas, 137.000 apuntan a que rematar o mes representa para eles e elas "moita dificultade".
Carencia material severa
Neste sentido, o IGE cifra en 90.000 os fogares da Galiza que entran da categoría de "carencia material severa", e dicir, que non poden permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada, que tivo atrasos no pagamento de gastos relacionados coa vivenda principal (hipoteca ou aluguer, gas, comunidade...) ou ben que non ten capacidade para facer fronte a gastos imprevistos.
De feito, a enquisa que esta sexta publicou o organismo que pasou este ano a depender da Consellaría de Presidencia —antes estaba na de Facenda— apunta a que en máis de 311.000 fogares galegos as familias optaron por aforrar en gasto en alimentos, mentres que en 57.000 houbo tamén a decisión de aforrar en reparacións pendentes.
Pobreza enerxética
O IGE apunta na súa publicación ás dificultades que existen en fogares galegos para manter a vivenda a unha temperatura axeitada, un dos temas que centrou o estudo O estado da pobreza, elaborado pola Rede europea de loita contra a pobreza e a exclusión social (EAPN), e no que se indica que a pobreza enerxética afecta 16,6% da poboación galega, unha porcentaxe similar á que se rexistra a nivel estatal (case 17%), mais seis puntos por riba da media da Unión Europea, que é de 10,6%.

