Facua exixe ao Estado que se aceleren as obras do viaduto da A-6, colapsado o ano pasado

Tramo afectado polo colapso dun viaduto da A-6. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)
Facua Galicia solicitou ao Goberno español que facilite os recursos e os medios necesarios para a reconstrución simultánea de ambos os sentidos do viaduto do Castro, na autovía do noroeste.

A organización de consumidores Facua Galicia solicitou ao Goberno español que facilite os recursos e os medios necesarios para a reconstrución simultánea de ambos os sentidos do viaduto do Castro, na autovía do noroeste, "para facilitar a circulación no período estival aos usuarios desta vía entre León e Galiza".

Nun comunicado, a asociación lamenta que os usuarios desta vía de acceso e saída a Galiza se encontran nun escenario "especialmente prexudicial" e incide en que o Goberno estatal "fixou para o segundo semestre de 2023 a conclusión do primeiro dos pasos desta infraestrutura, que evitaría o desvío por Pedrafita".

"O pasado 18 de maio a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, rexeitou levar a cabo a reconstrución das dúas fontes de maneira simultánea e emprazou as actuacións en sentido Madrid ao longo de 2024".

“Toda a celeridade posíbel”

Por outra parte, lembra que os grupos da Cámara galega, PP, BNG e PSdeG, coincidiron o pasado mes de marzo ao esixir "toda a celeridade posíbel" ao Goberno do Estado para solucionar o problema que o colapso do viaduto xerou no Castro, co obxectivo de reestabelecer a circulación neste punto da A-6.

A asociación, na mesma liña, requiriu ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a reparación simultánea en ambos os sentidos, que redundará, asegura, "na actividade socio-económica da Galiza durante o período estival e evitará o prexuízo que actualmente sofren os usuarios para acceder ou saír da Galiza".