Obituario

Falece 'Hematocrítico', escritor, docente e coñecido tuiteiro coruñés

O famoso tuiteiro coruñés Hematocrítico (Foto: O Galego).
Miguel López, que tiña 47 anos, sufriu un infarto esta segunda feira.

Esta segunda feira faleceu a causa dun infarto o coruñés Miguel López, moi coñecido nas redes sociais polos seus chíos como 'Hematocrítico', segundo anunciaron fontes da súa contorna e confirmou a través das redes sociais súa parella, a escritora Ledicia Costas. López, que tiña 47 anos, era escritor de libros infantís e xuvenís e profesor. Ademais, o coruñés tamén colaboraba en programas de radio e televisión, así como con diversas revistas.

Xerais lamentou o pasamento de López, que publicou nesta editorial libros como Feliz feroz. O lobiño riquiño (2016), Axente Riciños (2016) e O lobo con botas (2018), ilustrados por Alberto Vázquez; Rapunzel con piollos (2019), Alcaldesa vermella (2020), Vaia cabuxiño! (2021), Axente Riciños. Misión Princesa (2022) e Morto de fame (2023), ilustrados por Mar Villar; e A media hora dos recreos (2020) e Campións do mundo (2020), ilustrados por Albert Monteys.

En 2021 nace en Xerais a serie 'Os Hematiños', ilustrada por Alberto Vázquez, que leva cinco títulos publicados: Un can (2021), O meu irmono (2021), Gaivota gourmet (2022), Oso banda (2022) e Unha unicornia (2023). Na colección 'Sopa de Libros' é autor da novela Dona problemas (2023).

"O equipo de Xerais lamenta profundamente o pasamento de Hematocrítico e quere trasladar o seu agarimo á súa familia e seres queridos. Recordarémoste sempre cun sorriso. Grazas, Hemato", escribiu a editorial na súa conta de X.

A de Xerais é unha das múltiples condolencias que están inzando no serán da segunda feira as redes sociais, con palabras de cariño e agradecemento ao docente, cuxos libros gozan de grande acollida entre a rapazada.