Sanidade pública

A. F. C.: "Detectáronme un vulto maligno e negáronse a atenderme no Sergas, tiven que recorrer á privada"

Edificio da Consellaría de Sanidade en Compostela. (Foto: Europa Press)
'Nós Diario' tivo acceso ao relato dunha usuaria do Sergas afectada pola situación actual da sanidade pública galega.

A. F. C. detectou en agosto de 2022 un vulto no seu pescozo e, dadas as listas de espera na sanidade pública, decidiu realizar unha ecografía nun hospital privado. Os resultados foron desesperanzadores para esta muller, ao indicar unha sospeita de 85% de risco de malignidade. Debido á porcentaxe, os profesionais do hospital privado emprazárona a realizar unha biopsia, cuxo resultado foi “indeterminado”. A paciente púxose entón en contacto coa súa médica de Atención Primaria do Sergas para que lle realizasen o seguimento.

“Déronme unha e-consulta [cita entre a médica da Atención Primaria e o especialista, tras a cal se procede a contactar coa paciente] co especialista de Endocrinoloxía. Mais, polo visto, falaron entre a médica de cabeceira e o especialista e decidiron denegarme a cita presencial, xa que non se consideraba pertinente atenderme xa que ‘era unha patoloxía moi común’, segundo se me dixo”, manifesta A. F. C., en declaracións a Nós Diario.

Reclamación

A afectada decidiu entón presentar unha reclamación ao Sergas, na cal solicitou ser atendida no servizo de Endocrinoloxía. En resposta a esta reclamación, recibiu unha citación para o 9 de marzo de 2023 no Hospital do Conxo (Compostela). Tras ser atendida ese día, foi citada para a realización dunha ecografía “o antes posíbel” para confirmar o diagnóstico.

Ao non ser contactada polo Sergas e ante “a tensión da situación”, A. F. C. decidiu realizar pola súa conta, outra vez na sanidade privada, unha segunda proba cuxo resultado derivou en que “o risco de malignidade aumenta significativamente”. A paciente solicitou de novo e-consulta co servizo de Endocrinoloxía, mais citárona para o 1 de xuño.

Sen recibir por parte do Sergas ningunha comunicación para a realización de probas diagnósticas e ante a gravidade da situación e “absoluta desatención recibida até o momento polo sistema sanitario público”, a comezos de maio, decidiu concertar unha intervención cirúrxica na sanidade privada a recomendación do persoal médico que a atendera.

A cita da ecografía do Sergas para tres días despois de ser operada na privada

Xa coa cita concertada para a intervención o 8 de maio, catro días antes foi contactada polo Sergas para a realización da ecografía que lle solicitaran o 9 de marzo. Faríanlla o día 11 de maio. Finalmente, o 8 de maio foi intervida no hospital privado, realizándoselle unha hemitiroidectomía que constata posteriormente a presenza dun carcinoma papilar infiltrativo, é dicir, cancro.

“Foron moitos meses de tensión e tivemos que gastar moito diñeiro. Sería catastrófico se non o puidese pagar”, relata a afectada en declaracións a Nós Diario. Relata, ademais, que desde o Sergas se lle afeou que tivese posto a reclamación.

Por todos estes motivos, A. F. C. reclamou ser atendida con carácter urxente por un equipo interdisciplinar de profesionais do sistema sanitario público co fin de que valoren o seu caso e de que marquen o procedemento a seguir a partir deste punto. De non ser citada con carácter urxente, asegura, procederá a tomar as medidas legais.