Extraordinaria acollida do facsímile do derradeiro número da revista "Nós"

Unha persoa mercando un exemplar do último número do ano de Nós Diario (Foto: Arxina)

Esgotado na maior parte de quiosques e librarías da Galiza mais aínda fiquen exemplares. Aproveitade esta oportunidade única!

O facsímile do número 139-144 da revista “Nós”, de 100 páxinas, entrégase co último número do ano de Nós Diario e recupera o número que non puido ser distribuído en 1936 como consecuencia do golpe de Estado.

A edición do xornal Nós Diario desta sexta feira 31 de decembro, o último número do ano, esgotouse na maior parte de quiosques galegos. Co exemplar habitual entregábase, de balde, o facsímile do número 139-144 da revista “Nós”, de 100 páxinas, que non tivo posibilidade de distribuírse no seu día como consecuencia do golpe de Estado de xullo de 1936.

Nós Diario conseguiu realizar unha edición facsímile con un dos dous exemplares que se conservan na actualidade e que sobreviviron á queima dos fascistas. Cen páxinas que son parte da historia da Galiza.  Ademais, con este número, tamén se conseguía o suplemento Sermos Galiza cunha entrevista ao grupo Tanxugueiras e unha reportaxe sobre os museos galegos do xoguete.

Esgotado e con números reservados

“Esgoteinos a primeira hora, mesmo houbo clientes que levaron dous exemplares”, explica a Nós Diario desde o quiosque Lolita de Vigo e o seu responsábel Alfredo.

Tampouco quedaban xornais ás 11 horas na libraría Milfollas de Ponteareas. “Xa os tiña reservados dias antes e aínda quero pedir dez máis que me encargaron”, aseguraba a súa propietaria, Teresa.

A mesma situación viviuse no quiosque da praza de San Nicolás, na Coruña.  “Chamaron varios clientes estes días para reservar exemplares polo que xa estaban vendidos antes de abrir ao público”, relataba a súa responsábel, María Teresa.

Os colaboradores

O número 139-144 é un dos máis voluminosos da revista Nós. O mesmo correspóndese cos meses de xullo a decembro de 1935 e nel colaboran algunhas das sinaturas habituais da publicación canda novos valores. Así, atopamos traballos de Serafín Ferro, de Augusto Casas, de Xosé Outeiro Espasandín, de Fermín Bouza-Brei, de Camilo Díaz Baliño, de Aquilino Iglesia Alvariño, de Modesto López Teixeiro, de Gonzalo López Abente, de Francisco Fernández del Riego, de Luís Manteiga, de Ricardo Frade, de Ramón Otero Pedraio, de Xosé Lois Parente, de Leandro Carré Alvarellos, de Álvaro das Casas, de Vicente Risco, de Vítor Casas, de Xosé María Álvarez Blázquez, de Salvador García Bodaño e de Ramón Vilar Ponte.

O exemplar é un boa mostra da represión que padeceron as xentes de Nós após o golpe de Estado de 18 de xullo de 1936. Unha parte dos colaboradores, como Vítor Casas, Camilo Díaz Baliño e Modesto López Teixeiro foron asasinados polos fascistas. Serafín Ferro e Xosé Outeiro Espasandín víronse obrigados a exiliarse. Outros sofreron diversas tipoloxías represivas como Francisco Fernández del Riego, Ramón Otero Pedraio, Xosé María Álvarez Blázquez e Ramón Vilar Ponte. Neste sentido, estamos diante doutra iniciativa cultural fanada polo golpe de estado.