31 de decembro

O derradeiro número da revista “Nós”, nas túas mans

n5

O facsímile do número 139-144 da revista “Nós”, de 100 páxinas, entregarase esta sexta feira, 31 de decembro, co xornal. Só 2 exemplares deste número, que non chegou a ser distribuído no seu día como consecuencia do golpe de Estado de xullo de 1936, sobreviviron á queima dos fascistas que asaltaron a editorial de Ánxel Casal.

Esta sexta feira, 31 de decembro, os lectores e lectoras de Nós Diario poderán ter nas súas mans, ademais do diario, un momento único da historia da Galiza: O facsímile do número 139-144 da revista Nós, volume do que só se coñecen 2 exemplares que sobreviviron á queima dos fascistas, o derradeiro que editou Ánxel Casal antes do seu asasinato polos golpistas. A publicación non chegou a ser distribuída como consecuencia do golpe de Estado de xullo de 1936.

Un deses exemplares que sobreviviu á barbarie conservouse nos arquivos do primeiro concelleiro nacionalista de Ourense, Leuter González Salgado. O seu neto, Xosé Lois Carrión leva moitos anos traballando de diversas maneiras na recuperación da memoria democrática galega. Fundador e directivo da asociación Amigos da República de Ourense, coleccionista de autocolantes políticos ou custodio dos arquivos de Leuter González. Dese fondo procede o número da revista Nós que se distribuirá como agasallo con Nós Diario.

 Os colaboradores

O número 139-144 é un dos máis voluminosos da revista Nós. O mesmo correspóndese cos meses de xullo a decembro de 1935 e nel colaboran algunhas das sinaturas habituais da publicación canda novos valores. Así, atopamos traballos de Serafín Ferro, de Augusto Casas, de Xosé Outeiro Espasandín, de Fermín Bouza-Brei, de Camilo Díaz Baliño, de Aquilino Iglesia Alvariño, de Modesto López Teixeiro, de Gonzalo López Abente, de Francisco Fernández del Riego, de Luís Manteiga, de Ricardo Frade, de Ramón Otero Pedraio, de Xosé Lois Parente, de Leandro Carré Alvarellos, de Álvaro das Casas, de Vicente Risco, de Vítor Casas, de Xosé María Álvarez Blázquez, de Salvador García Bodaño e de Ramón Vilar Ponte.

As persoas subscritoras en papel de Nós Diario recibirán o facsímile coexemplar do xornal

O exemplar é un boa mostra da represión que padeceron as xentes de Nós após o golpe de Estado de 18 de xullo de 1936. Unha parte dos colaboradores, como Vítor Casas, Camilo Díaz Baliño e Modesto López Teixeiro foron asasinados polos fascistas. Serafín Ferro e Xosé Outeiro Espasandín víronse obrigados a exiliarse. Outros sofreron diversas tipoloxías represivas como Francisco Fernández del Riego, Ramón Otero Pedraio, Xosé María Álvarez Blázquez e Ramón Vilar Ponte. Neste sentido, estamos diante doutra iniciativa cultural fanada polo golpe de estado.

O asalto á imprenta 'Nós'

O derradeiro volume da revista Nós non chegou a ser distribuído entre o conxunto dos lectores e asinantes, auténtico sostén da publicación. Os exemplares, depositados no local da imprenta de Ánxel Casal e María Miramontes en Compostela, desapareceron nalgún dos asaltos que os fascistas realizaron á sede da editora. Outro tanto, aconteceu con outras publicacións que estaban en preparación, como Auga Lizgaira de Ánxel Fole, estando documentada a queima de diversas publicacións nas propias portas do local por voluntarios falanxistas e doutras forzas da dereita. Mesmamente, durante algún tempo, descoñeceuse a existencia do volume 139-144.

A primeira nova sobre o derradeiro número da revista Nós achegouna en 1972 Xosé Ramón e Fernández Oxea “Ben-Cho-Shey”, que custodiaba no seu arquivo un exemplar, actualmente depositado na Deputación de Ourense. Durante moito tempo, deuse como o único existente, até que Xosé Lois Carrión González, neto do histórico nacionalista ourensán Leuter González Salgado, anunciou a presenza no arquivo do seu avó doutra copia do volume 139-144 da revista. Precisamente o exemplar conservado por Carrión González é o empregado para esta edición, coa que se pretende homenaxear á mais importante revista galega do século XX, en cuxas raiceiras  se identifica o proxecto de Nós Diario.

As incógnitas do volume 139-144 da revista 'Nós'

Hai aínda moitas incógnitas abertas sobre o número 139-144 da revista Nós. A este respecto, Xosé Lois Carrión González descoñece como puido chegar este exemplar a mans do seu avó e significa que sempre estivo na casa. Neste sentido, lembra que Leuter González Salgado foi un dos colaboradores da revista e persoa moi próxima aos seus promotores principais.