SOCIAL

Volven os incendios e con eles as denuncias de falla de persoal e condicións laborais abusivas

Hidroavión no incendio forestal de Mondariz (Marta Vázquez/EP).
Nas últimas horas quedou extinguido o incendio de Mondariz, após que o lume de Bens fose controlado na noite da terza feira. O resultado son 34 hectáreas calcinadas, mentres os técnicos da Xunta denuncian xornadas de 24 horas. 

Os incendios forestais desta tempada xa comezaron na Galiza, que aínda non esntrou oficialmente na fase de alto risco. Esta semana, os incendios de Mondariz e Bens deixaron 34 hectáreas queimadas, segundo trasladou a Consellaría de Medio Rural. Ambos foron xa controlados. Uns incendios que chegan mentres o persoal denuncia xornadas laborais de 24 horas e sindicatos inciden na falla de efectivos.  

Esta cuarta feira os equipos de extinción remataron co lume parroquia de Santa María de Gargamala, no concello de Mondariz, que queimou 15 hectáreas de superficie arborada e 6 rasas, segundo os cálculos provisionais de Medio Rural. Sete brigadas, cinco motobombas e tres axentes forestais lograron extinguilo. 

O incendio da pasada terza feira en Bens, na Coruña, quedou extinguido á noite despois de que "se complicasen" os labores das axentes polo forte vento e pola "imposibilidade de acceder aos camiños cos camións". Debido a isto, os bombeiros e mais os efectivos da Xunta tiveron que realizar o traballo "a man" coas mangueiras e 13 hectáreas ficaron calcinadas. 

As organizacións sindicais CIG, CCOO, UXT e CSIF evidenciaron a "pasividade" de Medio Rural e criticaron a mala organización do traballo, que leva a forzar as traballadoras das que depende a extinción dos lumes a realizar quendas "interminábeis" cando non se poden permitir cometer erros. 

É unha denuncia constante ao longo destes anos por parte dos sindicatos a da falla de persoal e medios. 

Traballadoras dos servizos de prevención de incendios afirmaban a inicios do estado de alarma estar desbordados, xa que ademais das súas labores habituais, tamén formaban parte dos batallóns de loita contra o coronavirus, por exemplo desinfectando residencias ou centros de saúde, ou desenvolvendo outras tarefas de apoio como vixilancia de zonas de ocio no rural para garantir o confinamento, apoio ás residentes en espazos illados, remotos ou de difícil acceso ou distribución de material sanitario ou de alimentos.

"Os lumes apáganse no inverno, pero non para a Xunta", censuraron desde En Marea, que criticou a decisión de Medio Rural de "realizar tallas de árbores e queimas preventivas en máis de 600 hectáreas nas demarcacións forestais de Fisterra, Terra de Lemos, Verín e O Condado, nun plan piloto que ameaza con estenderse a toda Galiza".

Limpeza das estradas da Xunta

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuniuse esta cuarta feira responsábeis de Seaga e manifestou que se realizarán "traballos de roza, limpeza e retirada de árbores de aquí até finais do mes de xuño en 30 estradas da Xunta para prever lumes, garantir a seguridade viaria e para ter en boas condicións as sendas e as zonas verdes para favorecer os itinerarios peonís".

Vázquez salientou que a semana pasada o persoal de Seaga traballou nas estradas de titularidade galega da Mariña  e do Baixo Miño e apuntou que esta semana continúan os labores de roza nas áreas da Coruña, Ferrol, Baixa Limia, Viana e Vigo.

Diminúen os lumes en 2020

Por outra banda, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e para o Reto Demográfico informou esta semana dun descenso nos incendios forestais no Estado, que vencellan "en boa parte" a unhas condicións meteorolóxicas favorábeis e ao confinamento polo estado de alarma debido ao coronavirus. 

Até o 30 de abril rexistráronse 2.032 lumes con 12.947 hectáres afectadas en todo o Estado, o que representa a metade dos valores da media do último decenio, segundo trasladou o ministerio. Así, en 2019 o número de incendios alcanzou os 10.883 (89% da media do decenio), afectando a 83.962,69 hectáreas (85% da media do decenio).