Sen expresidentes para cubrir unha sección do Consello Consultivo

José Luís Costa Pillado presidente do Consello Consultivo. (Foto: Nós Diario).
O seu presidente pide mudar un dos artigos que regulan o Consello ante a imposibilidade de cubrir un dos postos.

José Luís Costa Pillado, presidente do Consello Consultivo, o órgano consultivo da Xunta e das restantes administracións públicas da Galiza, compareceu hoxe no Parlamento para expor as contas do organismo. Este ano os orzamentos destinan 2,1 millóns de euros ao Consello.

Na súa intervención solicitou a modificación da lei que rexe o Consello e que dita que a súa sección de estudos e informes ten que estar composta polo propio presidente, un conselleiro electivo e outro nato.

Isto é, un expresidente da Xunta, cargo vacante tras expirar o mandato de Fernando González Laxe en 2019 e sen outro candidato posíbel.

Costa Pillado abundou que anualmente o órgano consultivo emite uns 700 ditames, que se virán reducidos a uns 500 en 2020 por mor da pandemia.

Neste ano foron significativos o que declarou a nulidade de pleno dereito o incremento das tarifas da AP-9 ou o relacionado coa potestade sancionadora das Administracións por incumprimentos na pandemia.

Tamén compareceu o presidente do Consello Económico e Social (CES) Agustín Hernández. No presente exercicio, esta institución emitiu un ditame acerca do anteproxecto da Lei de impulso demográfico.

Actualmente o CES traballa en dous textos, un diagnóstico dos coidados na Galiza e outro de empregabilidade da mocidade.