Exposición pública, inicio das obras e extracción de litio: estes son os prazos que manexa a mineira de Doade
O proxecto da mina de Doade, no municipio de Beariz (comarca do Carballiño), está "próximo" a saír a exposición pública, despois de que Bruxelas seleccionase a esta futura mina de litio como unha das 47 estratéxicas a impulsar de materias primas críticas para Europa. Así o confirmaron fontes da Consellaría de Economía a Europa Press, que apuntan que Recursos Minerales de Galicia (filial do aragonés Grupo Samca) solicitou en xaneiro de 2025 solicitude de concesión de explotación ante a Xunta da Galiza.
De tal forma, a compañía prevé que, toda vez consiga o permiso de explotación, iniciará en 2026 a escavación da mina e a construción da planta de procesado de minerais, coa incorporación de traballadores e contratación de provedores para as obras. O calendario co que traballa Recursos Minerales de Galicia é que en 2028 se inicie a extracción de mineral, unhas 500.000 toneladas ao ano, que se procesará e enviará a portos próximos. Unha explotación cunha vida útil durante 42 anos.
O proxecto
Esta mina no monte de Doade, na parroquia de Xirazga, abrangue unha superficie de 13,6 hectáreas en terreos que son propiedade da comunidade de montes veciñal Lama, Cega e Bisticobo. O permiso de investigación (PI) Alberta I (1ª fracción) atinxe municipios pontevedreses e ourensáns de Cerdedo e Forcarei (Terra de Montes) A Lama (comarca de Pontevedra), Avión (O Ribeiro) e Beariz. Trátase dunha extensión 1.690 hectáreas de terreo na que a Administración galega autorizou a Recursos Minerales de Galicia a tomar mostras e explorar o subsolo até 2025.
A rocha obxectivo desta mina é a pegmatita, rica en minerais de litio, da que se obterán ademais concentrados de moscovita e concentrados de feldespatos para cerámica.
Os principais usos de litio é a fabricación de baterías recargábeis para mobilidade eléctrica e dispositivos portátiles, un dos metais máis demandados para a descarbonización da enerxía. Emprégase na industria da cerámica e o vidro, na fundición do aceiro, ademais de ser compoñente esencial na fabricación de lubricantes, entre outros.
O proxecto está deseñado para producir ao ano 93.000 toneladas de concentrado de minerais de litio. Así, extraerase rocha dura nunha mina subterránea (unha pegmatita con minerais ricos en litio), unha rocha que se transformará por medios físicos (triturado, flotación) na mesma boca da mina.
Diálogo fronte a oposición social
O investimento do proxecto é de 120 millóns de euros, dos cales a empresa promotora xa desembolsou 10 millóns. A compañía prevé xerar 320 postos de traballo, entre directos e indirectos.
A compañía asegura que, unha vez se abra o período de alegacións, quere constituír unha mesa de diálogo cos actores locais interesados no proxecto: comunidades de montes, asociacións veciñais e corporacións locais.
Esta terza feira a plataforma veciñal SOS Suído Seixo xa anunciou que recorrerá ante a Comisión Europea –como paso previo a levar o caso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea– a designación de Mina Doade como "proxecto estratéxico ao considerar que este título eximirá á compañía de "respectar certas normas ambientais" coa construción desta futura mina de litio en Beariz. Segundo dixo, terá "carta branca para contaminar masas de auga e danar os espazos naturais protexidos próximos".
Necesidade de litio
Pola súa parte, o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, manifestou esta cuarta feira que a decisión adoptada pola Comisión Europea para impulsar o proxecto mineiro de litio en Doade é "un primeiro paso" para un proceso para a obtención deste elemento químico, "de absoluta necesidade".
Sobre o paso dado, explicou que "supón abreviar os prazos en canto a permisos, concesións e resolución de recursos xudiciais se os houbese" en relación a uns materiais que considerou de "absoluta necesidade". "Estamos nun momento inicial, agora falta o camiño que vai ser a concesión que corresponde á Administración autonómica", asegurou Branco durante un acto decorrido na Delegación do Goberno.