A explotación de seixo, unha ameaza para o solo agrícola na Galiza

Traballo inicial para o cribado do terreo e a extracción do seixo (Foto: Erimsa).
Erimsa poderá extraer seixo de máis de mil hectáreas de uso agrícola no concello de Frades. A declaración de impacto ambiental favorábel que vén de emitir a Xunta presupón o visto bo a unha concesión que a empresa suma a outra anterior na mesma contorna. Mentres, na Terra Cha, os plans da mineira continúan paralizados.

A empresa mineira Erimsa, con centros de produción en Begonte, Frades e A Estrada -nas comarcas da Terra Chá, Ordes e Tabeirós - Terra de Montes- logrou en 2019 autorización para a explotación de 200 hectáreas de uso agrícola localizadas a medio camiño entre os concellos de Frades e Mesía.

Poucos meses despois de obter esta concesión, coñecida co nome de Xanceda, a compañía, parte da norueguesa Elkem As, integrada na multinacional chinesa Blue Star, solicitou unha nova explotación na  mesma contorna, esta vez para extraer cuarzo de 1.160 hectáreas maioritariamente de uso agrícola mais tamén forestal. 

O Goberno galego, a través da Consellaría de Medio Ambiente, vén de emitir unha declaración de impacto ambiental favorábel ao proxecto, que con este permiso, salva un dos obstáculos máis relevantes na tramitación do expediente administrativo.

"Supón, case seguro, a aprobación desta outra concesión, dado que superado este xa non lle esperan escollos importantes na súa tramitación interna", sinala a Nós Diario Ramón Barreiro, avogado do Sindicato Labrego Galego.

Comarca agrogandeira 

Este proxecto, destaca, é herdeiro do anterior, e a súa aprobación, di, enténdese mellor ao explicar as condicións nas que se autorizou a explotación de Xanceda. "Comezou a tramitarse arredor do ano 2017. Naquel momento houbo movementos e presentáronse alegacións ao mesmo tempo que se deron a coñecer os informes sectoriais de distintos organismos como Augas da Galiza, Medio Ambiente ou Medio Rural". 

Segundo lembra Barreiro, a Consellaría de Medio Rural elaborou un primeiro informe no que daba conta de todo o diñeiro que investira na zona en concentración parcelaria mais dos plans de mellora e das axudas á incorporación de xente moza ás explotacións agrogandeiras.  

"Non hai que perder de vista que nesta zona os propietarios teñen os terreos concentrados para facilitar e mellorar o que é a estrutura das explotacións, altamente modernizadas e cunha cabana de gando vacún moi importante. Medio Rural valeuse destes datos para resaltar a magnitude da actividade gandeira no lugar e concluír que non podía resolver en favor dunha explotación mineira que ía afectar principalmente terreos agrícolas", explica o avogado.

Explotar masivamente todos os predios de uso agrícola supón unha mingua da súa capacidade produtiva

Pasados uns meses, o departamento que entón dirixía Ángeles Vázquez, actual conselleira de Medio Ambiente, cambiou de parecer e emitiu outro informe "admitindo varias excepcións" propostas pola empresa, "como que non ía explotar terreos certificados polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica da Galiza -incompatíbeis co aproveitamento mineiro- e só en terreos nos que chegase a cordo cos propietarios, renunciando así ao dereito de expropiación que unha concesión mineira lle dá ás empresas en caso de que os donos non queres ceder os seus predios".

A introdución destas novas condicións na declaración de impacto ambiental levou a Medio Rural a emitir un informe favorábel que sentou as bases para a aprobación dese primeiro proxecto e tamén deste segundo que se pode resolver en cuestión de meses.

Erimsa poderá actuar só en leiras onde faga trato cos seus propietarios para alugarllas, proceder ao cribado da terra para a extracción do seixo e devolverllas restauradas, en condicións óptimas para reiniciar a produción agrícola ou gandeira, de acordo co seu uso tradicional.

Alteración do solo

A mineira prevé un cribado progresivo do terreo, a un ritmo medio dunhas 39 hectáreas ao ano durante tres décadas. "O problema de fondo non é que exploten unha propiedade ou outra. A cuestión de fondo é que se trata dunha zona cun potencial gandeiro tan grande, e cunha actividade agraria tan importante, que explotar masivamente todos os predios de uso agrícola supón unha mingua da súa capacidade produtiva".

Ademais, salienta Ramón Barreiro, hai que ter en conto como afecta ao solo o movemento de terras que propón a empresa. "O que fan é retirar a capa vexetal exterior e despois furan. Din que entre dous e catro metros, pero temos visto buratos moito máis fondos que alteran a estrutura do solo. Ao retirar o seixo, modifícase as condicións de filtrado da auga pero tamén a vida propia da terra que dá lugar aos pastos ou a distintas colleitas".

Desde o Sindicato Labrego Galego advirten que a maioría dos propietarios descoñecen as consecuencias que vai supor a explotación do seixo nas súas terras. "Eu téñolles escoitado a varios que, de sabelo, non terían accedido a alugar as súas leiras polo esforzo que lles supuxo volver a pór o terreo a producir". 

A Terra Chá resiste contra a extracción de cuarzo

Erimsa está a cumprir na comarca de Ordes uns obxectivos mineiros que se lle resisten na Terra Chá. Desde o ano 2016 acumula varias sentenzas xudiciais en contra de tres concesións que atinxen seis concellos: A Pastoriza, Abadín, Castro de Rei, Cospeito, Riotorto e Vilalba. "A mineira sempre tentou iniciar actividade onde máis terreo colle: A Pastoriza, Castro e Cospeito", apunta Margarida Prieto desde o SLG, membro da Comisión contra as minas na Terra Chá.

"Neses tres a empresa tratou de iniciar actividade con comunicación previa, mais bateu cos Concellos sabedores dunha declaración de impacto ambiental caducada". Erimsa recorreu e perdeu. Malia todo, advirten, anda á procura de acordos de arrendamento puntuais que estarían fóra da lei, e cuxos prexuízos figuran xa nos primeiros informes desfavorábeis da Xunta. "Incompatibilidade coa actividade agraria. Retirar o seixo dunha zona tan húmida anegaría o terreo, sería inútil".